1,2 millóns custaría a promoción da cidade xerada polo XVIII Campionato de España Natación Absoluto

189
  • Un estudo feito por un equipo multidisciplinar da Universidade Vigo avalía a repercusión económica e o impacto mediático dun evento que reuniu o pasado abril á elite deste deporte na cidade
  • Durante 4 días a elite da natación, con Mireia Belmonte ao fronte, e Pontevedra estiveron nos medios chegando a unha audiencia de 338.540 persoas
  • Novecentos asistentes deixaron 234.348,62 euros na cidade
  • 6 de cada 10 persoas, dispostas a pagar por asistir ao evento
  • 0 98% declarou que volvería a Pontevedra con tempo e coa familia

Experiencias como o XVIII Campionato de España Natación Absoluto Open de Primavera acreditan a Pontevedra como sede idónea para o desenvolvemento de eventos deportivos. Unha aposta do Goberno local liderada polo alcalde Miguel Fernández Lores que trae importantes retornos económicos e de promoción da cidade e publicidade indirecta (impacto mediático). A avaliación encargada polo Servizo municipal de Deportes e feita por un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo da repercusión deste campionato amosa a rendibilidade do binomio Pontevedra-deporte.

A avaliación do campionato feita polos expertos universitarios vencellados ao Máster de Xestión Empresarial do Deporte e a Facultade de Ciencias Empresariais do Turismo cifra en 234.348,62 euros o impacto económico deixado na cidade polos asistentes e define un alcance mediático do evento de 338.540 persoas o que supón que de ter que ser contratada a publicidade para chegar a esa audiencia o Concello tería que ter investido 1.217.317,45 euros.

O campionato, desenvolvido do 8 ao 11 do pasado mes de abril complexo deportivo Rías do Sur (Pontemuiños, reuniu en Pontevedra a elite da natación do Estado mobilizou a un total de 902 persoas:

  • 341 participantes
  • 487 espectadores
  • 77 outro tipo
  • timeswitchers e casuals -3

     

    Estímase un gasto medio de 259,8 euros por asistente o que da un impacto económico directo de 234.348,62 euros. A hostalaría e restauración foron os sectores máis beneficiados e en menor medida o comercio e os locais de ocio.

    A organización dun evento de elite como o Campionato de España de Natación Absoluto, xera tamén por ela mesma un impacto económico directo que neste caso supuxo uns ingresos para Pontevedra de 9.093,23 euros e un gasto realizado fóra de 51.948,93 debido a necesidade de traer material deportivo e loxístico específico dende outros centros deportivos de elite ou clubs ata Pontemuiños.

    Os autores do estudo avaliaron tamén o que chamado prezo na sombra o que fala do interese dos espectadores por asistir a un evento que foi de balde. Máis de seis de cada dez -o 64,77% dos asistentes- expresaron a súa boa disposición a pagar unha entrada por asistir ao evento fronte a un 34,72% que dixo non. O prezo medio disposto a pagar polos que amosaron a súa dispoñibilidade a facelo era de 7,36 euros ao día ou 28 euros por todo o campionato.

    O Campionato Absoluto que trouxo, entre outras estrelas da natación, a campiona olímpica Mireira Belmonte, é unha cita de adultos o que explica limitada mobilización de persoas -fronte a campionatos Máster o Junior que traen un maior número de acompañantes- e a enorme repercusión mediática obtida. Durante catro días -do 8 ao 11 de abril- Pontevedra foi a capital da natación e estivo nos medios audiovisuais e dixitais de xeito permanente e sumando referencias na prensa escrita.

    Teledeporte de RTVE, cunha audiencia de 338.540 espectadores; 442 referencias en Google, referencias e actualizacións na prensa dixital, artigos en medios como Marca, 20 Minutos, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Economista o Europa Press falan do impacto mediático dun evento desenvolvido en Pontevedra.

    Tomando como referencia só a audiencia de Teledeporte e tendo en conta que o gasto en publicidade para chegar a unha persoa é de 3,6 euros, o equipo da Universidade de Vigo conclúe que o Concello de Pontevedra tería que ter investido 1.217.317,45 euros para acadar o alcance promocional do Open.

    Citas como o XVIII Campionato de España de Natación Absoluto Open de Primavera contribúen a consolidar a Pontevedra como cidade de eventos deportivos o que redunda en beneficios económicos directos e xeran unha repercusión social, deportiva, de imaxe de cidade e turística de longo percorrido. Unha realidade na que ten moito que ver a organización que recibe parabéns do 96% dos asistentes.

    O equipo avaliador aproveitou o traballo de campo feito para coñecer o interese pola cidade xurdido ao abeiro do campionato: o 98% indicou que repetiría a visita a Pontevedra con tempo e coa familia.

    DATOS DA ENQUISA FEITA

    Asistentes

    37,7% mulleres e 62,3% homes

    Idade media: 38 anos
    Ingresos:
    Sen ingresos: 29,1%

    Menos de 10.000 €: 6,7%

    10.001€ a 20.000€: 21,8%

    20.001€ a 30.000€: 25,3%

    Más de 30.001€: 29,1%

    Estancia media: 3,9 días

    Procedencia:

    Pontevedra (cidade). 7,7%

    Resto de Galicia. 30,7%

    Resto de España. 56,4

    Portugal 5,3%

    Satisfacción:

    96% satisfeitos coa organización
    45,7% pensa que o evento é mellor que outros da súa categoría

    98% repetirían visita a Pontevedra

    O Casco Vello o lugar máis atractivo