O novo contrato da Auga permitirá rematar o saneamento do rural

72
  • As empresas interesadas terán que facer un investimento mínimo de 14,5 millóns que tamén daran pulo á rede de abastecemento
  • O futuro contrato de xestión indirecta do servizio municipal da auga terá un custe anual de 6,5 millóns e 20 anos de vixencia
  • A Xunta de Goberno local aprobou o expediente de contratación e a súa publicación no BOP, DOG e BOE abrirá un prazo de 2 meses para a presentación de ofertas

A Xunta de Goberno local aprobou o expediente de contratación para a xestión indirecta do servizo municipal do Ciclo da Auga (abastecemento de auga potable, mantemento da rede de saneamento e depuración de augas residuais). A publicación no BOP, DOG e BOE abrirá un prazo de dous meses para a presentación de ofertas.

A concelleira de Servizos, Carme da Silva, informou de que o novo contrato terá unha vixencia de 20 anos, cunha prórroga máxima dun ano e un custe anual de arredor de 6,5 millóns de euros.

O máis salientable do novo contrato de xestión é os investimentos que terá que comprometer a empresa que opte a facerse coa xestión do servizo de auga. Será un mínimo de 14,5 millóns de euros -13 millóns na rede de saneamento e o abono en efectivo ao Concello de 1,5 millóns polo uso da rede- mais as ofertas terán que ser máis xenerosas porque esa cantidade será a mínima esixida. “Vai a supoñer que se poda rematar a rede de saneamento do rural e que se lle dea un pulo moi importante a rede de abastecemento” subliña a concelleira Carme da Silva. O Concello inclúe no prego de contratación posíbles obras de mellora por valor de 52 millóns de euros.

O futuro contrato introduce cambios significativos respecto á concesión actual que suporán a ampliación de prestacións e melloras na calidade do servizo. Carme da Silva cita entre estes cambios:

  •  a xestión de toda a rede de pluviais do Concello, “fundamental para evitar, sobre todo no inverno, inundacións polos atascos de follas, derrubes, lodos, etc.
  •  o mantemento sistemático de todas as fontes públicas que hai no concello, arredor de 400.
  • mantemento e reposición dos contadores e acometidas de auga e rede de sumidoiros. Os usuarios só terán a obriga de instalar o primeiro contador e facer a acometida á rede xeral da vivenda ou edificio.
  •  mantemento da rede de alta, que agora asume o Concello
  •  mantemento da galería de servizos
  • o pago pasará a ser por auga consumida. Non haberá un pago mínimo o que obrigará a un cambio na xestión na taxa da auga.