O Concello informa a Ence que precisa licenza municipal para facer obras en Lourizán

49
  • A empresa comunicoulle á administración local o proxecto de integración paisaxística que pretende facer
  • O Concello advirte que o proxecto sectorial de supramunicipalidade non lle da amparo legal xa que non son obras dunha administración pública se non privadas

O Concello de Pontevedra remitiu un oficio ao Grupo Ence para lle comunicar que se quere facer calquera tipo de obra nas súas instalacións precisa o correspondente título habilítante, segundo informou a portavoz do Goberno local e concelleira de Disciplina Urbanística, Carme da Silva. A empresa mandáralle a pasada semana á administración local unha comunicación (informativa) sobre o proxecto de obras de integración paisaxística da fábrica de Lourizán que pretende facer.

“Ence alega que co proxecto sectorial de supramunicipalidade estaría amparada para facer ese tipo de obras pero iso só ocorre cando se trata dunha administración pública e Ence non é unha administración pública” explicou a portavoz municipal quen lembra que así quedou especificado na sentenza xudicial ditada no seu día respecto ao proxecto de planta de papel tisú na que se recolle que “ao non ser unha administración pública ten que ter licenza municipal”.

Carme da Silva aclara que “non chega con que comuniquen un proxecto se non que teñen que tramitar o titulo habilítante correspondente para poder executar calquera obra, igual que ten que facer calquera outro privado que queira facelas”. A comunicación que presentaron “non vale para nada”, subliña Carme da Silva que sinala que Ence terá que achegar a documentación que corresponde nestes casos, cos informes sectoriais correspondente e serán os técnicos do Concello os que determinen o título habilitante municipal que precisan (licenza, comunicación previa…) como en calquera outro caso.

“Non poden ampararse nun proxecto sectorial de supramunicipalidade que ampara obras públicas cando estas son privadas” conclúe a concelleira de Disciplina Urbanística.