O Concello quere rematar o circuíto peonil do nudo do Pino e arredor

80
  • Presentará o anteproxecto a Fomento ao tocar unha infraestrutura viaria do Estado
  • A intervención inclúe mellorar a beirarrúa no tramo da avenida que vai dende a rúa do Pino á rotonda, completar o axardinamento e reformular o paso de peóns
  • Na zona conéctase o espazo urbano e o rural

O Concello de Pontevedra elaborou un anteproxecto para acondicionar e humanizar o arredor do nudo do Pino, para rematar nesta zona o circuíto peonil. O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, deu a coñecer a actuación que vai a ser remitida a Fomento xa que toca unha infraestrutura viaria do Estado e precisa da súa autorización.

Non é un traballo moi grande mais si importante, segundo o concelleiro Demetrio Gómez quen subliña que estamos a falar dun tramo (entronque dende a avenida de Vigo) que “é a acometida da cidade contra o nudo do Pino, un punto da cidade na que se toca o rural e o urbano”. “É unha zona de entrada na cidade e é importante que estea en condicións” engade.

O anteproxecto inclúe o remate do axardinamento neste tramo, a mellora da beirarrúa da marxe dereita (dirección saída da cidade) dende a rúa do Pino e darlle unha solución ao paso de peóns que hai, feito cara á avenida Josefina Arruti.

No son actuacións grandes mais son importantes e complexas porque o último tramo da beirarrúa da avenida de Vigo (rúa do Pino- cruzamento) e no arredor da rotonda conecta a cidade co rural, o barrio da avenida de Vigo co barrio de San Brais, de Salcedo, que ten o tráfico calmado pero dun xeito distinto. Aquí quitouse o aparcadoiro e puxéronse bolardos e onde acaban estes comezan os lombos. “Ë un punto complicado porque impactan dous xeitos de traballar” sinalou o concelleiro responsábel de Obras e Mobilidade.

Por outra banda o reformulado paso de peóns cumpriría esa mesma función de interconexión pois se un quere entrar en Pontevedra dende un barrio da periferia como pode ser o da ponte do Couto faltaba esa conexión. Neste caso hai un pavimento vermello, da toda a volta ao nudo do Pino e remata nunha pista do rural, cara a ponte do Couto