Pontevedra subministrará auga ao Concello de Barro

20
  • Serán 100 metros cúbicos ao día que serán levados en catro cisternas
  • O municipio veciño ten restricións diarias dende a unha da madrugada ata as sete da mañá
  • A capital ten garantido o subministro sen problemas

Pontevedra subministrará auga a Barro, a razón de 100 metros cúbicos ao día ata que o municipio veciño poña fin aos seus problemas de subministro. O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, informou que con esta acción darase resposta a petición de axuda chegada dende o concello. A escaseza de auga levou ao Goberno de Xosé Manuel Abraldes a ditar restricións no subministro que deixan, polo de agora, sen abastecemento á veciñanza dende a 1 da madrugada ata as 7 horas da mañá.

“Pediron axuda a Pontevedra para ver se lle podemos subministrar auga e por suposto que imos a colaborar” sinalou Demetrio Gómez. A cantidade solicitada é perfectamente asumible. Pontevedra subministra auga aos concellos da ría de Pontevedra, ademais de a nós aos de Sanxenxo, Poio, Marín e Bueu. En total consúmense de promedio arredor de 35.000 metros cúbicos/día -en agosto houbo picos de 40.000- e eles precisan 100, explicou o concelleiro.

O Concello de Barro enviará catro cisternas a Pontevedra para recoller a auga. O punto de captación será probablemente na avenida de Vigo.

Demetrio Gómez lembrou que Pontevedra ten, ata agora e nun futuro a medio prazo inda que non chova, o subministro de auga. Pero tamén hai comunidade de auga no rural polo que aproveitou para facer un chamamento a estas comunidades para que pidan axuda se chegan a ter problemas de abastecemento. “Non temos constancia de incidencia ningunha pero que se comuniquen con nós se hai algún problema” insistiu o concelleiro de Obras.