O Camiño Portugués ten protagonismo na misión pontevedresa a México

34

A promoción do Camiño Portugués a Compostela ten o seu protagonismo específico na misión empresarial e institucional que trouxo a México a unha delegación pontevedresa. O presidente da Fundación Amigos do Camiño, Tino Lores, despregou contactos coas asociacións mexicanas e participará o ano próximo nunha xuntanza latinoamericana de amigos do Camiño.

E non só con Pontevedra como destino, senón coa mancomunidade turística do Salnés, que está poñendo en valor a variante espiritual que achega a peregrinación á marxe sur da Illa de Arousa e integra aos camiñantes na fascinante experiencia de cruzar lonxitudinalmente a península do Salnés de sur a norte.

Lores enriquece o stand pontevedrés en Europymes (que pecha hoxe en México) con bastante material promocional sobre o Camiño Portugués a Compostela e desprega todo o seu poder de relación entre as persoas que compoñen a Asociación Mexicana de Amigos do Camiño. As doadas condicións de Porto como destino internacional fan da variante portuguesa unha experiencia de Camiño moito máis accesible para numerosas persoas, para as que a francesa resulta demasiado longa, segundo lle explicou a súa principal interlocutora, Gori Martínez.

En México, a Asociación trata de interrelacionar as numerosas advocacións a Santiago que existen no país, onde este mito cristián chegou como “Matamoros”, converteuse en “Mataindios” para chegar a ser o maior defensor dos indios, segundo explicou a presidenta da Asociación, que convidou a Tino Lores a participar na constitución da Asociación Latinoamericana de Amigos do Camiño, que terá lugar o ano próximo.