Celaya “aspira” a ser como Pontevedra

45
  •  “A nosa cidade aínda pode ser rescatada” di o seu alcalde, Ramón Lemos

O presidente municipal de Celaya (450.000 habitantes, 270 km ao norte de Ciudad de México), Ramón Lemos, encabezou unha nutrida representación institucional e empresarial desta importante cidade industrial mexicana, que dedicou unha dilatada cea de traballo á delegación pontevedresa de visita neste país.

Celaya está a medrar a un 2,5% anual e a súa industria está relacionada especialmente co automóbil e a alimentación. Están tratando de recuperar o seu centro histórico para a xente, e xa comezaron a dar os primeiros pasos coa peatonalización parcial da súa principal praza urbana. Se ben unha parte da cidade é compacta, tamén contan con numerosos núcleos esparexidos polo entorno que lles obrigan a planificar o transporte metropolitano.

Ademais de medrar o número de automóbiles tamén se foi ampliando o espazo destinado a eles, e á súa vez reducindo o ancho dalgunhas beirarrúas, polo que camiñar presenta bastantes dificultades.

Segundo o seu presidente, Lemos, Pontevedra resúltalles “un exemplo que temos que situar no plano aspiracional… quixéramos contar con un modelo así e acabaremos facéndoo, se ben de momento temos que coñecer experiencias coma esta para ir tomando medidas, pois estamos convencidos de que a cidade pode ser rescatada”. Para lograron, queren mellorar o seu transporte público para facelo máis eficiente.

Cando a prensa local preguntou a Miguel Anxo Fernández Lores cal foron as dificultades á hora de iniciar o proceso, o alcalde de Pontevedra enumerou tres: “Os antigos privilexios de persoas que facían un mal uso do coche; a oposición política materializada no recurso xudicial do PP contra a peonalización, e por último o medo dalgunhas persoas, especialmente comerciantes, a como podería chegar a funcionar a cidade cun menor número de coches no seu espazo público”.

O programa pontevedrés en Celaya prolongouse ata ben entrada a noite, pois tras a cea de traballo tivo lugar un encontro informal entre empresarios de ambas cidades para intercambiar diálogo de cara a furutos negocios.