Pontevedra sona a doce en León (Guanajuato)

49
  • O encontro institucional do alcalde Fernández Lores con políticos e técnicos da cidade mexicana que máis medra, novo punto de admiración pola nosa cidade

“Doce para os nosos ouvidos”. Con esta frase engaiolante resumiu o primeiro síndico da cidade de León (1,8 millóns de habitantes) o modelo de Pontevedra tras escoitar as primeiras palabras do alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores nunha xuntanza na que participaron os técnicos de desenvolvemento urbano e varios concelleiros.

Foi unha sesión en paralelo á que tivo lugar noutro espazo da cidade entre empresarios da delegación pontevedresa e locais para falar de asuntos de interese mutuo, especialmente centrados nas actividades comerciais.

O almorzo de traballo deu lugar a un frutífero coloquio especializado en asuntos puramente urbanos, sobre a especialización da cidade en actividades comerciais ou administrativas.

Un dos asuntos máis transcendentes dos formulados ten que ver co tamaño da cidade, algo bastante preocupante en urbes como esta, onde todos os edificios teñen unha planta “Só con subir tres pisos cada edificio, reduciríamos un terzo o tamaño da cidade, co que conseguiríamos unha cidade máis compacta, menos extensa, polo que os desprazamentos son máis doados” apuntou Fernández Lores.

Reducir os tempos de traslado entre os puntos da cidade é o chanzo fundamental para unha cidade sustentable, algo no que conviñeron todos e que sinalaron como un dos problemas da expansión extensiva das cidades mexicanas.

Durante o encontro, os funcionarios mexicanos tamén se interesaron por outros asuntos como o sistema de impostos e taxas, así como doutros aspectos da xestión municipal e a planificación urbana.

Outros asuntos que suscitaron interese foron o camiño escolar, o papel da política, a reelección dos cargos (que nos concellos de México están limitados a 3 anos).

COMPARTIR