Tres pontevedras en México?

54
  • O presidente da Comisión de Desenvolvemento Urbano do Senado mexicano formula unha: seleccionar tres lugares do pais para ensaiar o noso modelo urbano
  • Lores, convidado a traballar coa Asociación Nacional de Alcaldes 

Un senador mexicano lanzou a idea de seleccionar tres espazos urbanos en calquera lugar do país para facer réplicas do modelo Pontevedra de xestión da mobilidade. Foi Francisco de Palma Búrquez, presidente da Comisión de Desenvolvemento Urbano do Senado da República de México, quen convidou ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores a expoñer o modelo pontevedrés nunha sesión de traballo na cámara.

Á xuntanza tamén acudiron o presidente da Comisión de Mobilidade, Jesús Casillas, e a senadora Angélica Araújo que artellaron un animado debate sobre os retos de futuro das cidades mexicanas.

O alcalde Miguel Fernández Lores foi presentado por De Palma, quen sinalou que Pontevedra ten unha densidade de poboación semellante á de Brooklin e que el mesmo tiña comprobado hai un ano a idoneidade deste modelo “que se adapta á xente, e non obriga á xente a adaptarse á cidade”. Destacou tamén que o pasado ano aprobaron no país azteca unha lei para mudar o paradigma de crecemento das cidades mexicanas, consonte a modelos parecidos ao pontevedrés.

Ao remate do acto foi precisamente este senador quen dixo que se botaba de menos unha cidade así en México. “Necesitamos alomenos unha Pontevedra para que os responsables locais teñan onde percibir os beneficios dun modelo semellante”, chegando a propoñer que se busquen algúns lugares que poidan converterse en pilotos, porque en Pontevedra “se respira plusvalía urbana por todas partes, xa que a cidade está revalorizada”.

A senadora Araújo propuxo, pola súa banda, que Lores e o seu equipo puidesen estar en contacto permanente coa Asociación Nacional de Alcaldes para traballar en conxunto, “porque necesitamos exemplos que nos animen, que nos alenten”. Ela, que foi alcaldesa de Mérida, en Yucatán, tamén se mostrou a favor de que os alcaldes mexicanos puidesen ser reelixidos, xa que sempre tiveron que limitar o seu mandato a 3 anos, se ben cando remate o presente período poderán ser candidatos

un período máis, ante o que Lores confirmou que efectivamente resultan períodos moi curtos para materializar os proxecto, máxime se son integrais.

En canto ao senador Casillas, que preside a Comisión de Mobilidade da Cámara, tras facer un repaso polas deficiencias históricas das cidades mexicanas (dispersión, horizontalidade, crecemento extensivo, ineficacia do transporte público, etc.) cuestionouse que un modelo experimentado nunha cidade pequena poda ser unha solución para unha inmensa, ao que o alcalde de Pontevedra respondeu que hai moitas grandes cidades que están experimentando, e que as cidades grandes tamén se compoñen de pequenos distritos ou espazos onde se poden levar a cabo accións que permitan unha calidade urbana máis alta.

Como xa fixera onte en Querétaro, Lores animou a mirar ao futuro, xa que canto máis medre a cidade, máis difícil será evitar os defectos estruturais que teñen de cara a un futuro máis sustentable: “se agora as cidades son inhabitables, moito peor serán de aquí a 10, 20 ou 30 anos, se medran a un ritmo semellante, como o están a facer na actualidade”. Animou tamén aos responsables a que fixeran todo o posible por adoitar un modelo de maior crecemento vertical, xa que as cidades compactas son moito máis doadas de xestionar e sustentables no uso dos recursos públicos.

Tralo paso polo Senado da República de México, mañá será a derradeira cita da delegación pontevedresa en México. O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e mais a concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, estarán no ITAM (Instituto Tecnolóxico Autónomo de México) para participar como poñentes principais no seminario “Datos que transforman”. O ITAM é unha das universidades máis prestixiosa do país, berce de líderes políticos e un referente nos temas de gobernanza e políticas públicas do pais.

COMPARTIR