“Amamos os coches pero cada un no seu sitio”, subliña Lores

40
  • Remata a xira internacional mexicana, a máis activa das que leva feito o Concello, coa participación do alcalde nun seminario universitario, no ITAM.

“Non estamos contra os coches… é máis, aos pontevedreses nos gustan os coches, temos un altísimo índice de motorización. Son un invento estupendo pero temos que situalos onde non fagan daño as nosas cidades. Amamos os coches pero cada un no seu sitio”. Así puntualizaba o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ante as preguntas dun participante nun seminario universitario no que era poñente principal, sobre qué pensarían os fabricantes de coches ante a súa aposta de cidade.

Ocorría na última sesión de traballo da misión pontevedresa a México, no seminario “Datos que transforman” do Instituto Tecnolóxico Autónomo de México (ITAM), unha exclusiva institución académica privada con dous prestixiosos campus na capital azteca, berce de líderes políticos e un referente nos temas de gobernanza e políticas públicas do pais. Alí foi presentado polo director do seminario, Seth Pérez, e o Secretario técnico da Comisión de Desenvolvemento Urbano do Senado da República, Fernando Cota.

Foi precisamente Cota quen argumentou ante os asistentes que o tamaño da cidade carecía de importancia para lograr mellores espazos urbanos: “Pontevedra ten a mesma densidade de poboación ou incluso máis que Quens, Benito Juárez ou Bronx, polo que as receitas poden ser aplicadas en calquera lugar”.

Definiu o modelo como idóneo por preservar e potenciar o seu carácter compacto, por promover a cidade de usos mixtos -residir, traballar, mercar- e por resultar camiñable para realizar a maioría das actividades humanas, inspiracións que animaron as leis que o Senado aprobou en 2016 para todo México.

Porén, xurdiu como é habitual – especialmente en México, onde existen moitas cidades cunha poboación superior ao millón de persoas- a pregunta sobre o tamaño da cidade: “Qué faría vostede, alcalde, nunha cidade desta dimensión?”. A resposta de Lores foi a zonificación: “Cidades tan grandes poden ter varios centros, e de seguro sería necesario actuar en barrios ou colonias, creando núcleos de centralidade particulares con servizos propios e equipamentos suficientes para vivir sen grandes desprazamentos, pero en calquera caso, a receita é a mesma: menos coches, máis espazo público, accesibilidade…”.

Na clausura formal do Seminario participou tamén o ex alcalde de Mérida, quen avogou por permitir a reelección dos alcaldes, xa que México é o único país de Latinoamérica que impedía repetir mandatos e a próxima elección será a primeira vez que poidan candidatarse os actuais, só por un período de tres anos.