Campañó súmase á rede de campos de fútbol municipais de última xeración

70
  • Membros do Consello parroquial presentaron esta mañá esta nova infraestrutura deportiva que terá un custe de case un millón de euros, e que estará integrado dentro do parque forestal da Tomba.
  • Este é o terceiro campo que entra en contratación no Concello. O de Cerponzóns iniciará nestes días as obras, e o de Santa María de Xeve está rematando o proceso de adxudicación.

A presentación do proxecto do Campo de fútbol de herba sintética da parroquia de
Campañó foi hoxe unha satisfacción para todos os integrantes do Consello parroquial,
que leva anos traballando neste proxecto para chegar ao punto actual: a entrada do
proxecto na fase de contratación.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez acompañado da concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña, xunto a representantes do Consello parroquial (comunidade
de montes e clubs de fútbol) explicou o proxecto que está valorado en 999.437,36 euros e
estará situado ao carón do Colexio dos Sauces, e pegado ao futuro parque forestal da Tomba-Monte Celo.

Un dos retos é integrar o campo de fútbol no ámbito do parque forestal e deberá
completar a zona deportiva e de lecer (e produtiva) que se creará ao habilitar ao crear o
Parque forestal da Tomba.

O campo estará instalado nun socalco entre un camiño forestal e a estrada provincial de
Campañó, polo que a nova instalación deportiva aproveita o terreo até o límite (95m x
53m). O resultado será un campo de fútbol 11 e dous campos de fútbol-7. A iluminación
retirarase até o extremo para aproveitar ao máximo o terreo de xogo.

Instalaranse catro vestiarios para deportistas e dous para árbitros. O campo de herba
cumprirá os parámetros da Fifa Quality. Tamén disporá de bancada, aseos, cantina,
almacén e zona de maquinaria.
As edificacións disporán dun recubrimento de Viroc (lousas de fibrocemento) que
mimeticen os edificios co terreo. Como singularidade, terán cinco fachadas. Estarán
dispostos de tal xeito que parece un só edificio polo que se “filtran” as persoas usuarias,
aínda que en realidade o público só pode entrar entre os tres edificios finais para pechar a
zona dos futbolistas
O camiño de acceso mellorarase pero manterase o seu trazado.
Na creación deste campo, usaranse materiais de alta calidade, con solucións altamente
probadas, e fáciles de manter.
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez confía en que a finais de ano se coñeza a
empresa gañadora da licitación pública, para poder comezar a obra deste campo no ano
que vén.

Rede de campos de fútbol municipais
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez explicou que o de Campañó o terceiro campo
de herba sintética que está en fase de contratación ou ben están por iniciar as obras.
A piques de comezar está o campo de herba sintética de Cerponzóns, adxudicado á
empresa Prace por 864.972,38 euros, e cun prazo de execución de seis meses. As
melloras que ofertou esta empresa son o peche e o mantemento do céspede por máis de
100.000 euros.

O campo de Santa María de Xeve, no lugar de Gatomorto, está en proceso de
adxudicación. Neste momento requeríuselle información a unha das máis de doce
empresas que presentaron oferta, polo que o remate da adxudicación pode ser cuestións
de semanas.

Ademais, destes tres campos, tamén está en carteira o de Ponte Sampaio, para o que o
Concello xa ten en propiedade os terreos nos que se vai situar, e o de Salcedo, pendente
da cesión dunha parcela de monte por parte da comunidade e dunha mellora do terreo
por parte da Brilat, para encargar o proxecto definitivo.