O turismo de autocaravanas ábrese paso en Pontevedra

70
  • A Policía Local controla co Ollomóbil 665 vehículos na área de estacionamento e constata unha ocupación superior ao 100% de xeito reiterado nos meses de verán
  • Cada autocaravanista gasta 50 euros/día e cada autocaravana ten unha ocupación media de tres persoas
  • Unha primeira avaliacion, a baixa, cifra en 100.000 euros a inxección dos autocaravanistas na economía en tres meses
  • Anabel Gulías, “conseguimos atraer a un turismo de calidade, que é respectuoso co entorno, que se interesa pola cidade e que repercute na economía local”

O turismo de autocaravanas – unha aposta da Concellería de Promoción da Cidade para situar a Pontevedra tamén no mapa como destino deste sector- comeza a dar froitos. Por unha banda “comprobamos que foi un acerto poñer en uso unha parcela (terreos de Tafisa) que estaba sen rendibilizar” e “dende un punto de vista de promoción de Pontevedra conseguimos atraer a un turismo de calidade, que é respectuoso co entorno, que se interesa pola cidade e que repercute na economía local”, sinala a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías.

O aparcamento de autocaravanas da parcela de Tafisa rexistrou e rexistra un alto nivel de ocupación dende a súa inauguración, superando nos meses centrais do verán e nalgunhas fin de semana o 100% o que deixou unha imaxe habitual: a presenza de autocaravanas estacionadas nas inmediacións.

Nos algo máis de tres meses que van dende o 18 de maio ao 31 de agosto, a Policía Local de Pontevedra controlou -a través do Ollomóbil- 665 vehículos no estacionamento de autocaravanas. Unha cifra que eles mesmos elevan a máis de 800, facendo unha estimación realista a partir das capturas de pantalla das cámaras de tráfico da Xefatura (1.062 neste período) e sumando os vehículos estacionadas nas inmediacións do aparcamento ao ter este o cartel de completo.

A Policía Local subliña o “altísimo cumprimento” das normas de ocupación e uso do aparcamento de auocaravanas, unha infraestrutura que ten na rotación de uso un dos seus piares. Nos tres meses e medio controlados tramitáronse só 16 denuncias por superar o período autorizado de estacionamento -3 días por mes- e constatouse que a maioría dos vehículos estiveron máis dunha noite.

A chegada do turismo de autocaravanas repercute dun xeito directo na economía local. Segundo as estimacións de gasto que fai a Asociación Galega de Autocaravans (AGA), cada autocaravanista gasta unha media de 50 euros/día. As autocaravanas teñen unha ocupación media de tres persoas, pois como explica o presidente da AGA, Manuel Fernández Arruty, “é un tipo de actividade da que participan moitas parellas pero tamén moitas familias”.

Esta ratio 50 euros/día por persoa ou 150 euros/día por vehículo deixa un balance de gasto na cidade de 99.750 euros no tempo controlado, facendo unha cuantificación a baixa, e dicir, tomando como referencia os 665 vehículos controlados polo Ollomóbil. Se facemos as contas coa estimación de número real da Policía Local, máis de 800 autocaravanas o deixado chegaría aos 130.000 euros.

O aparcamento para autocaravanas ocupa unha superficie de 1.052 metros cadrados na parcela de Tafisa, perfectamente iluminada e sinalizada con capacidade para prazas con servizos de auga potábel e saneamento e a poucos minutos andando do centro urbano.

Os usuarios cualifican a área de autocaravanas de Pontevedra como “a mellor de Galiza e unha das mellores de toda a península” pola súa localización e servizos, sinala a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, facéndose eco da información transmitida por asociacións como a Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) ou Campers Galicia. As dúas colaboraron “dun xeito activo e dende un minuto un” na posta en marcha do proxecto ao que tamén fan seguimento.

Manuel Fernández Arruty, presidente de AGA, solo atopa un motivo de queixa, “que se queda pequena”.

COMPARTIR