O Concello incorpora ao modelo Pontevedra o barrio da Virxe do Camiño 

352

    • Tamén están incluídas as rúas José Casal, Mariscal Pardo de Cela e parte de Eduardo Pondal.
    • Ten un custe de 1,4 millóns e destaca a instalación dun baluarte na entrada da Virxe do Camiño para recordar que era o inicio do Camiño Portugués na cidade.

O Concello de Pontevedra acaba de recibir o proxecto de reforma integral das rúas Virxe do Camiño, José Casal, Mariscal Pardo de Cela e unha pequena parte de Eduardo Pondal, e foi presentado esta mañá á Comisión de Infraestruturas, Mobilidade, Obras e Servizos. O concelleiro responsable das obras municipais, Demetrio Gómez explicou que esta intervención pretende mellorar o Camiño Portugués ao seu paso da cidade, dando continuidade a outras reformas programadas como o Gorgullón ou o Ponte do Burgo que recuperarán o Camiño na cidade.

Pero a intervención tamén pretende incorporar este barrio ao modelo Pontevedra. Trátase dunha zona céntrica, cunha alta concentración de negocios e de hostalaría. Pero, sobre todo, é fundamental incorporala para mellorar a calidade de vida de todos os veciños do barrio.

O orzamento da obra é de 1.411.428,23 euros e o proxecto foi elaborado polo arquitecto residente en Pontevedra, José Ramón Garitaonaindia de Vera, autor do proxecto da avenida de Marín.

A proposta reproduce o modelo Pontevedra con plataforma única (lastro confinado entre bordes de formigón, tiras de baldosa e cortén) e espazos multifuncionais de convivencia e promoción económica. O cortén será o elemento condutor de todo o proxecto.

A Virxe do Camiño é, historicamente, a entrada do Camiño Portugués na cidade, polo que ao inicio desta rúa créase un baluarte con cortén, que lle dará unidade a todo proxecto. Ademais, elévase para crear unha nova praza arborada con arces de distintas cores segundo a estación e prantas aromáticas -tamén de distintas cores- nos alcorques de cortén.

Todo o ámbito do Camiño estará marcado con lastros luminiscentes.

O proxecto, ao igual que a práctica maioría que se fan na cidade, suporá a renovación dos servizos: auga, saneamento, sumidoiros, telecomunicacións e rede de gas.

A mobilidade peonil terá prioridade en toda o ámbito. Pecharase a rúa Virxe do Camiño no entronque con Eduardo Pondal, e só poderán saír os servizos e garaxes, a través dunha mesma entrada e saída a modo de garaxe.