O Concello recupera en Tomeza todos os espazos de centralidade parroquial

32

• É unha actuación cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
de cara ao vindeiro ano.
• Actuarase nos núcleos de Casal do Río, Lusquiños e na controna da Igrexa de San
Pedro.
O Concello de Pontevedra realizará no vindeiro ano un gran proxecto de recuperación ambiental e patrimonial en Tomeza, consolidando os distintos espazos de centralidade da parroquia. Trátase dun proxecto de catro actuacións (unha delas está pendente de pechar coa Comunidade de Montes, xa que precisa a cesión dun espazo da súa propiedade) nos que se consolidará os espazos de uso común de Casal do Río, Lusquiños e San Pedro.

O proxecto que está pendente dunha cuantificación económica final, á espera da cuarta
das intervencións, estará financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O concelleiro delegado da parroquia de Tomeza, Alberto Oubiña, presentou os
proxectos logo de ter mantido, unha reunión co Consello parroquial de Tomeza no
que se valorou moi positivamente todas as actuacións, xa que foran previamente
consensuadas coa comunidade de montes e a asociación de veciños.

Na primeira das actuacións, no parque e instalacións deportivas de Alcouce na estrada
EP-0002, preténdese ordenar as pistas deportivas, coa creación dun grande espazo
polideportivo no que haberá porterías de fútbol e canastras de baloncesto. Estas pistas
estarán executadas en asfalto e pintadas.

Na zona de recreo -a zona arborada-, mellorarase o merendeiro coa instalación de
mesas, alcorques que terán cortiza e o chan estará tratado en xabre consolidado.

Tamén se actuará no parque infantil coa colocación de area. A renovación do peche
perimetral desta zona de lecer e encontro, e a sinalización de mellora do estacionamento
e da parada de autobús limitando un espazo para aparcar o autobús escolar, serán as
intervencións que completarán este proxecto, xunto cunha nova iluminación (proxectores
para as pistas de xogo e morróns baixos para a zona do merendeiro). Haberá, tamén, un
punto de auga.

Centro cultural de Lusquiños
A segunda das actuacións é a mellora da contorna do Centro Cultural de Tomeza, en
Lusquiños, onde se mellorará a entrada diferenciando dous pavimentos: un de entrada
directa ao Centro cultural, e un segundo de pedra do país no que poderán estacionar
vehículos, se así o deciden os veciños. Neste momento, os vehículos poden acceder a
calquera punto da contorna da Casa da Cultura.

Aproveitarase un desnivel do terreo para crear un banco corrido, que estará conectado
coa parte baixa da parcela cunhas escaleiras e unha rampla. Tamén se mellorará a parte
baixa da parcela con xabre consolidado onde se instalará unha churrasqueira. Tamén se
mellorará o espazo infantil.

A contorna da Igrexa de San Pedro
O terceiro dos espazos de actuación é o acceso e contorna da Igrexa de San Pedro onde
se habilitarán máis de 50 prazas de estacionamento (tamén para motocicletas), limpeza e
rexeneración dunha zona verde con arborado para crear espazos de sombra.

Todos os ámbitos e edificacións da zona estarán unidos peonilmente cun pavimento en
cor branca. Tamén se consolidarán os muros das ruínas da edificación existente e a
conservación da cuberta do alpendre.

Finalmente, como guinda do proxecto, crearase un miradoiro na parte alta da parcela,
dende a que se poderá ver toda a parroquial de Tomeza.

Esta actuación estará financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
(FEDER), concedido ao Concello de Pontevedra en 2016, e que entronca coa Estratexia
UE 2020 que define a Política de Cohesión da Unión Europea para este período. Trátase
dunha estratexia de crecemento dirixida a lograr unha economía intelixente, sostible e
integradora. Estas tres prioridades, que se reforzan mutuamente, contribuirán á que a UE
e os seus estados membros xeren altos niveis de emprego, produtividade e cohesión
social.

Cos proxectos de consolidación dos núcleos de centralidade da parroquia de Tomeza,
acadarase:

  • Mellorar a calidade do espazo público na parroquia
  • Mitigar os problemas de declive urbano e ambiental da zona
  • Redución da contaminación atmosférica e acústica mediante melloras para o calmado
    de tráfico en distintos puntos.
  • Máis cohesión e vertebración social no espazo no que se xera a intervención.

Polo tanto, a intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os
obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020,
e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI)
Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo
Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

COMPARTIR