O calmado de tráfico chega ao CEIP Marcos da Portela, en Monte Porreiro

240
    • Mentres non se executa o proxecto, dende o luns prohibirase a circulación pola rúa nos horarios de entrada e saída do colexio.

O Concello de Pontevedra continúa cos proxectos de mellora da mobilidade peonil e calmado de tráfico no ámbito dos centros de ensino, unha das prioridades do Goberno neste mandato. Onte, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez mantivo unha reunión coa anpa do colexio Marcos da Portela e os comercios da rúa Suecia, no barrio de Monte Porreiro, para presentarlles o proxecto.

Consistirá na ampliación das beirarrúas, colocación de pasos sobreelevados, reducir a circulación a un carril de tráfico en sentido único e habilitar estacionamentos a ambos lados da rúa, facendo unha reserva para o centro de ensino.

Mentres, e por acordo da asemblea, a partir da vindeira semana pecharase a rúa ao tráfico un cuarto de hora antes e despois do horario de entrada e saída do centro de ensino. É dicir, prohíbese a circulación de 08:45 a 09:15 e de 13:45 a 14:15 horas.

Esta medida de carácter provisional pretende garantir a seguranza dos nenos que acoden ao centro e fomentar que se acheguen andando. Manterase até que comece a solución definitiva que é a anteriormente presentada, e que estaba demanda e previamente pactada coa comunidade escolar.

O concelleiro acordou entrevistarse cos comerciantes da rúa, que na xornada de onte recibiron o plano do proxecto, o vindeiro luns, ás 20.30 horas para incorporar a súas suxestións.