Pontevedra defende en Valladolid a redución do coche como clave para mellorar a saúde pública

20

    • A tenente de alcalde Carme da Silva participou na xornada sobre calidade do aire e mobilidade sostible organizada por Ecoloxistas en acción e o Concello de Valladolid.
    • As vindeiras citas do modelo de cidade son en Granada e a visita do secretario de Turismo do concello brasileiro Foz de Iguaçú, Gilmar Antonio Piolla.

Pontevedra participou hoxe na Xornada sobre a calidade do aire e a mobilidade sostible que se desenvolveu en Valladolid da man da organización Ecoloxistas en acción en colaboración co Concello de Valladolid. Nesta xornada, participou a tenente de alcalde, Carme da Silva en representación do Concello para expoñer “Vinte anos de cambios na mobilidade”.

Collendo o exemplo de Pontevedra e experiencias sectoriais de Barcelona, Madrid e Valladolid, na xornada pretendeuse exemplificar como o cambio da mobilidade -achegándose a unha mobilidade alternativa-, supón, necesariamente, unha mellora da calidade do aire, e dos estándares de calidade urbana en xeral.

Polo tanto, a tenente de alcalde, Carme da Silva centrou a súa intervención na importancia do concepto “saúde pública” entendida como a redución dos vehículos a motor e o fomento de mobilidades máis naturais, como camiñar. Estas medidas, de carácter político, teñen como resultado: máis calidade do aire, a eliminación do ruído nas cidades que deteriora a calidade urbana, e consecuentemente, a redución da sinistralidade viaria, tres factores fundamentais para a saúde pública.

Valladolid foi a primeira parada dun ciclo de visitas, conferencias, congresos, xornadas de traballo… nas que Pontevedra participará ou será obxecto de estudo ao longo dos meses de setembro e outubro, tanto achegándose a distintos puntos do Estado como recibindo a visita de cidades ou responsables políticos para coñecer o modelo de cidade.

A seguinte cita é a participación de Pontevedra na Xornada de optimización das políticas de transporte público para a mobilidade sostible, organizadas pola Axencia provincial da enerxía de Granada e da Deputación de Granada, á que asistirá a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías. Será este martes, 19 de setembro.

E o mércores, 20 de setembro, o Concello recibirá a visita do Secretario de Turismo do concello de Foz do Iguaçu (Brasil), Gilmar Antonio Piolla, localidade de máis de 250.000 habitantes, coñecida pola súa espectacular fervenza. Parará en Pontevedra para coñecer o seu modelo, aproveitando a súa presenza na Feira de Turismo Termal, Saúde e Benestar que se desenvolverá en Ourense o 21 e 22 de setembro.