Avanza a obra do edificio xudicial da Parda coa meta posta no fin do 2018

49
  • O alcalde Miguel Fernández Lores visita a obra co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda
  • O Concello cedera os terreos no 2013 polos que pagou 1,3 millóns de euros en expropiacións

As obras do novo edificio xudicial da Parda avanzan co horizonte de finais do 2018 como meta. O alcalde Miguel Fernández Lores e o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, achegáronse hoxe ata a obra co fin de coñecer de primeira man o estado do proxecto, do que Concello e administración autonómica participan.

A nova sede xudicial ocupa un predio entre os actuais xulgados e a zona da nova ponte do ferrocarril – terreos adquiridos e cedidos polo Concello-, terá capacidade para acoller 28 unidades xudiciais que darán cobertura ás necesidades da Xustiza a corto e medio prazo e deixará a porta aberta a futuras ampliacións. O novo edificio suporá un investimento de case 17 millóns de euros.

O Concello puxera a disposición da Xunta, no ano 2013, os terreos de propiedade municipal, ben porque foran expropiados ou ben porque foran cedidos por Fomento e Adif previa adquisición. O custe das expropiacións superou os 1,3 millóns de euros

O alcalde Miguel Fernández Lores indicou que o importante agora non é se a obra está rematada a finais do 2018 ou a principios do 2019. “Preocupoume nalgún momento que non houbera investimentos, que non houbera acordos entre administracións pero cando hai acordos pode tardar máis ou menos pero agora xa está”.

“É obvio que este edificio leva un retraso respecto ás previsións iniciais pero agora o que temos que facer todos os que estamos aquí é cumprir co noso traballo para que sexa unha realidade nun tempo razoable, que se poidan ampliar os espazos xudiciais e que a Xustiza teña medios para traballar ben” engadiu o alcalde.