Foz de Iguazú atopa no modelo Pontevedra ideas para o seu plan de mobilidade

32
  • O secretario Municipal de Turismo, Gilmar Piolla, visítanos para coñecer polo miúdo a transformación urbana e a realidade resultante
  • Convida oficialmente ao alcalde a visitar a localidade brasileira

“Pontevedra é unha cidade moi agradábel, moi humana en todos os sentidos e isto é o que queremos nós para Foz de Iguazú”. Son palabras de Gilmar Piolla, secretario Municipal de Turismo de Foz de Iguazú (Brasil) quen hoxe achegouse á cidade para coñecer “unha experiencia urbana das máis exitosas do mundo” na procura de ideas que incorporar ao plan director de mobilidade que se está a desenvolver na súa localidade.

Gilmar Piolla, que estaba en Ourense para asistir a Termatalia-2017, chegou ao Concello acompañado polo empresario e xerente de Convention Iguazú, Altino Voltolini e por Jesús Ares, director de Yutravel. Foron recibidos polo alcalde quen tamén fixo de guía pola cidade para lles amosar a realidade do modelo Pontevedra. Piolla, Voltolini e Ares mantiveran antes da visita guiada unha reunión de traballo co director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato, co obxectivo de coñecer polo miúdo a transformación urbana pontevedresa, recoñecida e premiada internacionalmente.

Gilmar Piolla quere que sexa o propio alcalde Miguel Fernández Lores quen explique a transformación urbana que devolveu en Pontevedra a cidade ás persoas aos prefectos (alcaldes) e responsábeis municipais da zona e para elo convidouno oficialmente a visitar Foz de Iguazú.

Foz de Iguazú, con fronteira con Arxentina e Paraguai, ten nas cataratas un reclamo turístico que atrae a zona (ás dúas marxes) a máis de tres millóns de visitantes ao ano.

O alcalde Miguel Fernández Lores explicou que en Foz de Iguazú  “están interesados en darlle unha maior calidade á cidade, que o turismo non sexa tan de paso, que sexa máis de estancia, de pernoctación” polo que quixeron coñecer Pontevedra. Un modelo urbano no que Gilmar Piolla atopa aspectos exportables.

“Estamos elaborando o noso plan de mobilidade urbana, un plan director, a lei de saneamento do solo e deseñando un proxecto en batería con organismos internacionais para mudar a nosa mobilidade” sinalou Gilmar Piolla. “Sentímonos moi identificados con Pontevedra, queremos unha cidade máis agradábel, para os peón, para os ciclistas, para a xente… queremos unha cidade máis amábel para os residentes e tamén para os turistas que nos visitan” engadiu o secretario Municipal de Turismo de Foz de Iguazú.

COMPARTIR