Do 28 ao 30 de outubro, a segunda edición de Etiqueta Negra, a feira de produtos gourmet e delicatessen galegos

26

O Recinto Feiral converterase en punto de encontro de empresas, produtores, profesionais da alimentación, restauración e distribución así como consumidores que valoran cada día máis, a calidade e o proceso de elaboración dos produtos

O alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores presentou a feira nun acto no que se exaltou o té galego cunha degustación para o público. A un mes da celebración de Etiqueta Negra, xa son máis de 50 as empresas que van participar como expositores pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a maior calidade dos seus produtos

Pontevedra, 26 de setembro de 2017.- O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta mañá a segunda edición da feira Etiqueta Negra. Gourmet Galego e Innovación Inspiradora. O evento que, con tan só dous anos de vida xa é todo un referente no sector, volverá exhibir o mellor do gourmet galego no Recinto Feiral de Pontevedra. Será a última fin de semana do mes de outubro: o sábado 28 e o domingo 29 con apertura para público xeral, e o luns 30 cunha xornada centrada no público profesional, en horario ininterrompido de 11 a 20.30 horas.

O Concello de Pontevedra volve apostar polo sector gourmet galego e organiza esta feira profesional coa que quere contribuír á súa visibilización, e que abre tamén as súas portas a un público cada vez máis especializado e esixente, ao que lle gusta probar sabores, experimentar texturas novas e que se informa para coñecer o que está a consumir.

Etiqueta Negra reunirá durante tres días nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores co fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.


O acto de presentación celebrouse ao aire libre, na praza da Peregrina, e acolleu unha degustación de té galego -procedente da Estación Fitopatolóxica do Areeiro- acompañado de pastas gourmet elaboradas e servidas polos alumnos e alumnas do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, entidade que colabora activamente coa feira.

O alcalde de Pontevedra estivo acompañado pola concelleira de Promoción da Cidade de Pontevedra, Anabel Gulías e representantes das institucións que colaboran en Etiqueta Negra Gourmet galego e innovación inspiradora como Eva Vilaverde, deputada Delegada da Estación Fitopatoloxica de Areeiro; Gonzalo Pita, Delegado de turismo da Mancomunidade do Salnés; Manuel Hermo, director CIFP Carlos Oroza; Rafael Núñez, director CIFP A Xunqueira; Miguel Carballo, director IES Montecelo, David Vilariño; director IES Frei Martin Sarmiento; Ricardo Fernández, coordinador do proxecto de innovación educativa “PonteVan: FP na rúa”.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías destacou que a presentación da segunda edición de Etiqueta Negra “é un motivo de orgullo porque funcionou moi ben”. Manifestou que é un salón que naceu “con vocación de ser referencia en Galiza do producto gourmet”, e adiantou que “vén, para quedarse”.

Pola súa banda a deputada provincial, Eva Vilaverde destacou o apoio da Deputación a esta iniciativa da que está convencida que chegará “a ser referente no sector”, así como a oportunidade que supón para o Areeiro para seguir a dar a coñecer as posibilidades produtivas da camelia. Adiantou que a Deputación disporá dunha Tetería permanente con información sobre o té galego e as características da camelia sinensis.

Ademais dos representantes institucionais, o Alcalde estivo acompañado tamén por Olegario Lago, xestor comercial da cervexeira Mahou que este ano é o patrocinador principal do evento.

Baixo o patrocinio da Deputación de Pontevedra e de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía desde o punto de vista creativo e innovador; e coa Mancomunidade do Salnés como patrocinadores de actividades, esta segunda edición conta ademais coa colaboración de Tawi, Froiz, Gráficas Anduriña, Martínez Blanco Vestiario Profesional, o CIFP Carlos Oroza e Gadis.

Expositores e produtos

A segunda edición de Etiqueta Negra Gourmet Galego e Innovación Inspiradora contará con máis de 50 representantes da alta gastronomía e alimentos singulares galegos presentando os seus produtos. A organización da feira primou a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade das referencias fronte á cantidade de expositores. O obxectivo principal é o de garantir ao máximo a excelencia dos produtos e o prestixio das firmas expositoras.

Así, nesta edición vanse ampliar as referencias con respecto ás presentes en 2016: foie, porco celta, galiña de Mós, conservas ou tés son algunhas das novas incorporacións que, xunto ás marmeladas, cervexas, viños, queixos, cafés, licores, sidras, galletas, patés, carnes, salsas e aderezos, tortas ou doces, ofrecerán unha completa panorámica do bo facer e a excelencia produtiva do sector gourmet en Galicia.

Showcookings e actividades paralelas

Xunto á actividade da zona expositiva, Etiqueta Negra contará cun amplo programa de actividades complementarias con cursos específicos para profesionais e público xeral, charlas, presentacións de empresas, de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas e outras moitas actividades que se van suceder durante os 3 días de duración.

A feira contará tamén coa presenza de prestixiosos chefs do país posuidores de Estrelas Michelín, Soles Repsol e membros do Grupo Nove que compartirán cartel con cociñeiros e cociñeiras emerxentes que están a facerse un oco e marcando tendencia no sector. Elaborarán as máis saborosas receitas con produtos galegos de alta calidade, sinónimo de tradición e autenticidade; pero ao tempo contemporáneos e innovadores, con sabor auténtico a Galicia; produtos que identifican un territorio, traspasan fronteiras e son demandados nos principais mercados estatais e do estranxeiro.

O Centro Superior de Hostelería de Galicia, o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, e o Obradoiro de Emprego “Hostalería do Salnés, centros de formación de hostalería referentes no país, estarán novamente presentes en Etiqueta Negra, participando con demostracións e degustacións de produtos.

Punto de encontro profesional

Ao igual que na primeira edición, Etiqueta Negra volverá favorecer o contacto e intercambio comercial entre expositores e distribuidores nunha área de traballo específica para tal fin. A Zona de Negocios, na que está previsto que se celebren máis de 300 reunións de traballo, cédese aos expositores de maneira gratuíta como apoio para facilitar o acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios.

A feira abriráse de novo aos futuros profesionais na xornada do luns 30 de outubro, acollendo a visita de centros formativos da hostalería e gastronomía de toda Galicia. Na primeira edición máis de 600 estudantes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a excelencia do gourmet galego, así como asistir a demostracións e showcookings en directo. Na presente edición aspírase a superar a cifra amplamente.

Etiqueta Negra

Etiqueta Negra nacía en 2016 con vocación de converterse nun dos eventos gastronómicos máis destacados do noso país, cita ineludible para os amantes da gastronomía de calidade. Na súa primeira edición a resposta do público foi extraordinaria, con máis de 5.000 visitas rexistradas, 51 expositores, 168 profesionais acreditados (entre os que se incluían 49 tendas gourmet de Galicia e 16 distribuidores de alimentación), e a realización de 351 encontros de negocio, entre os que destacou a visita de empresarios de Hong Kong grazas aos contactos establecidos entre o Concello de Pontevedra e a Asian-Spain Association Cultural Exchange.

Xunto á exposición comercial, a feira acolleu un completo programa de actividades paralelas que gozou dunha grande aceptación por parte dos visitantes con demostracións de cociña en vivo no anfiteatro Mahou a cargo de prestixiosos chefs. A Zona de Catas rexistrou, asimesmo, unha intensa ocupación con 30 actividades desenvolvidas.

Moi concorrida estivo tamén a tetería da Deputación de Pontevedra que, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, desenvolveu cinco obradoiros para dar a coñecer as posibilidades produtivas e de mercado do té galego. Pontevedra converteuse no mellor escaparate para presentar o gran potencial dos produtos galegos, sinónimo de calidade e autenticidade.

COMPARTIR