Mellora da accesibilidade en distintos pasos de peóns da cidade

68
    • O Concello e Amizade colaboran neste labor que pretende corrixir as diferencias de altura entre beirarrúa e calzada, ou crear camiños máis claros para os invidentes en Cobián Roffignac, praza de Barcelos, Sagasta, avenida de Vigo, Alfonso X…

A Concellaría de Obras porá en marcha, en colaboración coa Asociación Amizade, a modificación de distintos pasos de peóns da cidade para adaptalos á nova directriz técnica municipal para resolver problemas de accesibilidade tanto para persoas con problemas de mobilidade como para invidentes.

Realizaranse dous tipos de intervencións: nalgúns puntos é preciso corrixir o encontro da beirarrúa coa calzada, ou resolver pequenos problemas de accesibilidade; e noutros puntos haberá que corrixir o pavimento para persoas cegas.

Neste momento hai distintos puntos xa estudados, en colaboración con Amizade, nos que será necesario intervir nas beirarrúas e nas calzadas como na avenida de Bos Aires, na praza de Barcelos, en García Camba, en Sagasta, na avenida de Vigo ou en Eduardo Pondal. Neste caso, son desniveis de ramplas ou desaxustes nas alturas das beirarrúas e das calzadas.

Detectáronse problemas cos pavimentos para persoas invidentes en Alfonso X e en Cobián Roffignac. Neste caso, preténdese mellorar os camiños que seguen os invidentes cara aos pasos de peóns, reducindo o número de lousas con botons que os confunden na súa andaina.

O punto de inicio deste novo plan de mellora e corrección das medidas de accesibilidade será a praza de Barcelos, porque ten moito tránsito de peóns. O orzamento da intervención será de 85.279 euros e está previsto completar a beirarrúa que parte da rúa Rouco cara a praza de Barcelos pola zona recentemente peonalizada, e tamén pór lombos en todos os pasos de peóns da praza, así como actuar nas beirarrúas de onde arrancan estes pasos.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez que presentou este proxecto esta mañá na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, confía en que este primeiro proxecto poida estar executado neste ano.