Arranca a parte urbana do proxecto de saneamento do río Gafos

43

    • Está rematada toda a canalización da tubaxe dende Vilaboa até o Marco, e as máquinas comezaron a traballar esta mañá na estación de autobuses.
    • Seguindo estes ritmos, a obra poderá estar rematada entre novembro e decembro.

O alcalde e o concelleiro delegado do Ciclo da Auga, Raimundo González visitaron esta mañá os traballos de mellora da rede de sumidoiros do río Gafos, un proxecto de 831.116,30 euros adxudicado á UTE Construtora Ediserpo S.L. – Ogminos Proyectos SL, aínda que o orzamento de licitación foi de 1.126.174,48 euros.

O alcalde destacou que a obra suporá “un antes e un despois, ao garantir que as augas sucias do Polígono da Reigosa, Vilaboa, e das parroquias de Marcón, Tomeza e parte de Salcedo vaian á Depuradora sen filtracións de auga e, finalmente, non ter que provocar verquidos á ría incrementando a contaminación. Estamos facendo os deberes”.

As obras van a moi bo ritmo, de feito está rematada toda a parte rural dende o linde con Vilaboa até o Marco, e hoxe comezaban os traballos na zona urbana, detrás da estación de autobuses. Esta fase constará de dúas intervencións: unha no tramo da avenida da Estación á avenida de Vigo, e a segunda da avenida de Vigo a Alcalde Hevia, valoradas en 110.230,04 euros e 141.486,14 euros, respectivamente.

Neste momento está executado case o 80% da obra. Están tiradas 1.670 metros lineais de tubaxe de 500 (a de agora é de 400); feitos 67 pozos de saneamento de formigón novos; reconstruídos todos os pozos de formigón (12); colocados todos os lastros de formigón para suxeitar as tubaxes, máis de 3.000 metros cúbicos de escavación, e reconstruídos 610 metros lineais de senda peonil, é dicir, está reconstruída ao 80,64%, pendente das obras de mellora que se iniciarán nestes días.

As obras comezaron o pasado 19 de xuño, e poderán estar rematadas ao longo do mes de novembro se o tempo acompaña.

Cabe lembrar que a obra consiste en incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais dende Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, acadar a estanquidade dos pozos para evitar que entre a auga do río e, na medida do posíbel, retirar o colector do propio leito do río dos Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda de pescadores.

A obra está financiada polo Concello en colaboración coa Deputación, xa que o convenio asinado coa Xunta, finalmente, non foi executado por decisión unilateral do Goberno galego a pesar de que Augas de Galicia chegou a ter adxudicado o proxecto.

COMPARTIR