Axudas do IGAPE para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño e selección de entidades que participarán na xestión. Convocatoria 2017.

621

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA (IGAPE)

BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS A PARTICULARES PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAIS E PEZAS DE MOBILIARIO DE COCIÑA E BAÑO (REFORMA17), ASÍ COMO A SELECCIÓN DE ENTIDADES COLABORADORAS QUE PARTICIPARÁN NA SÚA XESTIÓN
Resolución do 18 de setembro de 2017_Bases reguladoras

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES
As operacións de adquisición de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario para cociña e baño (excluídos electrodomésticos) realizadas nun establecemento de venda adherido á presente iniciativa.

Para ser subvencionable unha operación de compra deberá acadar un custo mínimo de 1.000 € (sen incluír o IVE).

BENEFICIARIOS
Poderán ser beneficiarios as persoas físicas, consumidores individuais, propietarios ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os bens subvencionables se adquiran nunha entidade colaboradora adherida ao programa Reforma17 e se destinen ao dito inmoble.

Estas axudas son compatibles con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, o importe da axuda supere o 100% do investimento subvencionable.

CONTÍA DAS AXUDAS
A contía da axuda será dun 20% sobre o prezo dos bens, impostos excluídos, e antes do desconto requirido no seguinte parágrafo, cun máximo acumulado de subvención de 1.000 € por beneficiario.
A axuda do Igape virá condicionada a un desconto realizado polo establecemento de venda, que será realizado sobre a base impoñible da factura, de importe polo menos da mesma contía que a axuda outorgada polo Igape.

Polo tanto, a diferenza de prezo sobre a base impoñible resultante para o comprador dos bens obxecto de axuda será do 40% desta, cos límites expostos, mediante o desconto e a subvención á compra, sen prexuízo de calquera desconto adicional que se poida obter por políticas concretas de venda ou promocións dos establecementos ou fabricantes.

SOLICITUDES. LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN
As entidades colaboradoras, establecementos de venda de materiais de rehabilitación ou pezas de mobiliario de cociña e baño (entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, ou ben empresarios individuais con domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia e con acreditación das condicións de solvencia técnica e económica), son as encargadas de tramitar a solicitude (facer a reserva do crédito, presentar a solicitude e a documentación xustificativa da actuación).
1. Lugar:
As entidades colaboradoras deberán acceder á aplicación informática accesible desde a oficina virtual do Igape (https://tramita.igape.es) ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica.

2. Prazo:
As empresas colaboradoras teñen o prazo de 1 mes para solicitar a adhesión (desde o 28/09/2017 ata o 28/10/2017 (código de procedemento IG218).
O prazo para presentar as solicitudes de axuda (que inclúen a documentación xustificativa e a solicitude de cobramento) comenzará 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG, e finalizará o 17 de novembro de 2017, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.

XUSTIFICACIÓN DA ACTUACIÓN
O prazo de xustificación da axuda estenderase ata o 1 de decembro de 2017.

Máis información na páxina web do Igape: http://www.igape.es, teléfono: 900 815 151, enderezo electrónico: informa@igape.es ou ben presencialmente nas oficinas do Igape indicadas no enderezo http.igape.es/es/que-e-o-igape/onde-estamos.
Na Oficina Técnica de Rehabilitación do Concello de Pontevedra sita na rúa de Don Filiberto, s/n (Edif. Teatro Ppal, 3º andar), tel. 986 804335, enderezo electrónico: otrehabilitación@concellopontevedra.es

COMPARTIR