Homenaxe ás vítimas de represión franquista en Lérez

35
  • A Casa das Cultura acolle este sábado, ás 19.30 horas, un acto de recoñecemento ás familias da parroquia que viron truncada a súa vida tralo alzamento militar do 36.

Pontevedra, 28 de setembro de 2017. A Casa da Cultura de Lérez acolle este sábado, ás 19.30 horas, a homenaxe ás vítimas da represión franquista na parroquia. O historiador Xosé Álvarez Castro, a escritora e xornalista Montse Fajardo e o concelleiro de Memoria Histórica, Luis Bará serán os encargados de recordar algúns dos episodios máis tristes que se viviron en Lérez durante o ano 36 e os que viñeron despois. O acto estará amenizado por alumnos da escola de gaitas dos Gaiteiros das Rías Baixas.

Lérez foi unha parroquia onde a xente traballadora loitou por mellorar as súas condicións de vida a través do asociacionismo, contando con entidades pioneiras como a Sociedad de Agricultores, fundada en 1896, a Juventud Lerezana (1929) ou desde 1925 a súa propia entidade financieira, a Caja Rural de Lérez. A proclamación da II República colleu a Lérez con moito camiño andando na procura de melloras para a xente humilde, pero os seus avances víronse freados polo golpe de Estado do 36, que trouxo consigo unha cruenta represión sobre moita da veciñanza e quebrou os soños de prosperidade de toda a parroquia.

O espolio económico sobre a veciñanza só foi a punta do iceberg. O dinamismo da parroquia converteu a moitas veciñas e veciños en obxectivo do fascismo e os dirixentes de esquerda acabaron pagando a súa iniciativa con importantes penas de prisión e mesmo coa vida.

Faustino Gama Casalderrey, Juan Magdalena García, Víctor Moldes Carro, Manuel Dios Costado, Andrés Rey Rey e Albino Sánchez Leiro, casado coa veciña de Lérez Carmen Casalderrey Dios, foron asasinados polos golpistas mentres que José Rey Rodríguez morreu cumprindo condena no penal de Burgos. Coma el pasaron polos cárceres franquistas outros veciños da parroquia recuperados do esquecemento polo traballo de Álvarez Castro: Ramiro Almón Abelleira, Custodia, Alejandro e Manuel Gama Casalderrey, José Argibay García, José Arribas Hermida, Rogelio Bugallo Orozco, César e Manuel Buján Rivas, Manuel Calvo Lores, Laureano Casalderrey Otero, Ángel Casalderrey Tilve e o seu irmán Claudio, Manuel Casalderrey Viéitez, Reinaldo Cuerdo Ben, Castor Pérez Peón ‘O Labaradas’, Celestino Poza Argibay, José Rodríguez Pereira, María Luísa Rodríguez Pereira, a Chinita ou Teodoro Vázquez, entre outros.

Este acto de recoñecemento ás vítimas busca ser unha homenaxe á xeración segada pola barbarie e sobre todo, un recoñecemento á semente que deixaron para que xermolara con forza nesta parroquia, que foi quen de recuperar o edificio da Juventud Lerezana, outorgándonos a esperanza de que aínda non é tarde para retomar o seu legado.