Alumnos de Ponte Sampaio investigan os descubrimentos dos irmáns Nodal

25

    • Dirixidos polo profesor e titor de sexto do CEIP de Ponte Sampaio, os estudantes queren coñecer a biografía dos descubridores, a súa travesía cara o Estreito de Magallanes, as peripecias que viviron e a importancia dos seus achados cando se cumpren 400 anos da súa expedición

A Concellaría de Educación colabora cos alumnos de sexto de Primaria do CEIP de Ponte Sampaio nun proxecto de investigación que rematará (ao longo do curso) cunha charla-homenaxe sobre a expedición dos irmáns García de Nodal a Terra de Fogo e ao Estreito de Magallanes. O vindeiro ano celebrarase o cuarto centenario da súa expedición que comezou en setembro de 1618 e rematou no verán de 1619.

O propósito desta investigación escolar é recuperar información sobre Bartolomé e Gonzalo García de Nodal, ilustres mariñeiros de Pontevedra. Dar a coñecer a súa expedición que rematou co descubrimento do arquipélago das Illas Diego Ramírez. Amosar á cidade a existencia da pequena illa “Pontevedra” situada a 100km ao sur do Cabo de Fornos, na Patagonia chilena; e explicar a importancia do éxito da expedición, facendo do arquipélado de Diego Ramírez o punto máis austral da terra, durante máis de 150 anos.

Esta expedición foi un todo un éxito histórico que os nenos e nenas deste colexio pontevedrés queren resaltar, polos importantísimos descubrimentos dos irmáns Nodal.

O alumnado está realizando unha fonda tarefa de investigación sobre a biografía dos dous mariñeiros e da expedición, extraída de páxinas web, da revista “Nodales” do Gremio de Mareantes, de publicacións de prensa e do Ministerio de Defensa.

Tamén dispoñen dunha copia completa da relación da viaxe (bitácora) escaneada do orixinal (1621) que hai na USC. Teñen a explicación completa das razóns que motivaron a Felipe III a enviar unha expedición ao estreito de Magallanes; a recompilación de varias anécdotas moi interesantes da travesía incluídos motíns e piratas…; documentos e curiosidades relacionados cos 80 mariños e a expedición, como fotos das naves, o escudo do apelido, etc; o mapa do arquipélago Diego Ramírez, co nome das illas incluído o illote Pontevedra.