O Ganapán chega a Madrid como exemplo de nova conexión da cultura e a cidadanía nos espazos públicos

31

    • A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías explicou hoxe no III Encontro de Cultura e Cidadanía en Madrid o proxecto do espazo infantil do Mercado de Abastos

“O ganapán é unha nova forma de concibir a relación da cidadanía e a infancia cos espazos públicos da cidade, de fomentar o comercio de proximidade e un consumo consciente e comprometido co entorno, e de recuperar, para o público infantil e familiar, unha relación interxeracional cos oficios do mar e da terra”. Con estas palabras a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, referiu ao público madrileño a filosofía e liñas de traballo do espazo infantil do Mercado, que participou como proxecto-modelo dentro dos III Encuentro de Cultura y Ciudadanía organizado polo Ministerio de Cultura.

Durante os días 28 e 29 de setembro, o encontro congregou aos proxectos punteiros do sector de cultura e cidadanía no ámbito latinoamericano. A intervención de Gulías pechou esta cita, cun panel de experiencias sobre interxeracionalidade e cultura en familia, moderado pola subdirectora xeral de Museos Estatales Olga Ovejero, acompañada das iniciativas PIE(E)CE de Barcelona e “Juego en Ruta” do Concello de Madrid.

O espazo infantil do Mercado, “O ganapán” foi seleccionado o pasado mes de xullo para participar neste III Encontro de Cultura y Ciudadanía que pretende destacar o labor de iniciativas culturais innovadoras, diversas e inclusivas de todo o Estado. Nesta terceira edición do certame, que ten como lema “Acceso, acción”, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte seleccionou un total de 30 proxectos dos que “O ganapán” e a iniciativa “Achegando culturas” da Biblioteca Neira Vilas de Vigo, son os único proxectos impulsados por corporacións municipais.

O III Encontro Cultura e Ciudadanía tratou as diversas dimensións que debería de supoñer o exercicio da cultura, en termos de acceso e produción, cuestións como autonomía e democracia cultural, a revisión da dicotomía consumidor-produtor, e a necesidade dunha cultura realmente diversa e aberta a todos os públicos. Os proxectos seleccionados son modelos de cultura inclusiva, que ocupan o espazo público para crear novas experiencias que chegan a públicos diversos, abrindo pontes e canles de comunicación entre a cultura e a cidadanía.

Nese sentido, o ganapán leva desde o Nadal deste ano realizando actividades infantís, familiares e escolares que teñen como finalidade achegar ás crianzas á cultura dos oficios do mar e da terra, con encontros con mariñeiros, labregas, praceiras, redeiras, bateeiros, cociñeiras… oficios tradicionais que representan cultura inmaterial galega e que, para para Anabel Gulías, “é fundamental transmitir ese coñecemento ás crianzas, por en valor e dignificar a identidade cultural do país con saberes transmitidos ao longo dos séculos e que, hoxe en día, seguen sendo produtivos, actuais e necesarios”.

Participantes

Desde febreiro deste ano, o ganapán organizou actividades no Mercado para máis de 1.200 escolares, con visitas de máis de 50 grupos de centros educativos do concello e contorna. Nas fins de semana, son as familias as que participan en diversos talleres de natureza, arte e gastronomía. Durante o verán, co nome de “Ganapán Gourmet”, este espazo infantil acolleu obradoiros de gastronomía para os nenos e as nenas, nas que fan receitas, principalmente con produtos frescos do Mercado, de diversos países de todo o mundo.

COMPARTIR