Arxentina, Polonia, Bielorrusia e España disputaranse en Pontevedra e Vigo o Memorial Domingo Bárcenas 2018 de Balonmán

28

    • Esta mañá celebrouse no Concello unha reunión de todas as institucións implicadas na organización deste Memorial que será do 5 ao 7 de xaneiro en Vigo e Pontevedra.
    • O Campionato de España de seleccións autonómicas infantil, xuvenil e cadete celebrarase do 2 ao 7 de xaneiro e participarán máis de 100 clubes e arredor de 1.200 deportistas.

O Concello de Pontevedra acolleu esta mañá a reunión das federacións española e galega de Balonmán, xunto á Deputación e os Concellos de Vigo e Pontevedra para traballar na organización do 42 Torneo Internacional de España Memorial Domingo Bárcenas e no Campionato de España de seleccións autonómicas que se celebrarán en xaneiro de 2018.

Á reunión asistiron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, os concelleiros de Deportes de Pontevedra e Vigo, Anxos Riveiro e Manuel Fernández, o deputado provincial David Regades, e os presidentes das federacións española e galega de balonmán, Francisco V. Bláquez García e José Luis Pérez Ouro.

Ao respecto do Torneo Internacional de España Memorial Domingo Bárcenas, celebrarase entre o 5 e o 7 de xaneiro de 2018 no Pavillón Municipal de Pontevedra e no Pavillón das Travesas de Vigo.

Neste campionato están confirmadas as seleccións de Arxentina, Polonia, Bielorrusia e España. Serán seis partidos, todos eles retransmitidos por Teledeporte.

Tamén pecharon detalles do Campionato de España de seleccións autonómicas das categorías infantil, xuvenil e cadete, que se disputará simultaneamente ao Memorial Domingo Bárcenas. Serán do 2 ao 7 de xaneiro e nel participarán máis de 100 clubs de todo o Estado. Asistirán as 17 federacións autonómicas máis as dúas cidades autónomas, polo que está previsto a participación de máis de 1.200 deportistas.

As seis principais deste Campionato de España serán en Pontevedra e Vigo.

O Comité organizador destes eventos xa traballa nun futuro convenio que regulará todas estas colaboracións deportivas entre a Deputación provincial, os concellos de Pontevedra e Vigo coa Federación Española de Balonmán.

Na reunión tamén abordaron a próxima constitución do Comité organizador e do Comité executivo do Campionato do Mundo de Balonmán Junior 2019, que tamén terá sedes galegas, e no que España defenderá o título municipal conquistado o pasado mes de agosto en Arxelia.