Temos propostas para modificar a ordenanza de veladores

77
  • Propón un horario único de terrazas, de 9.00 a 1.30 horas
  • Intervirá no despregue de veladores en zonas complexas e/ou intereses enfrontados, como prazas
  • A ocupación do espazo público deberá garantir sempre a accesibilidade
  • Son modificacións puntuais do regulamento e estarán vixentes ata a nova ordenanza xeral de uso dos espazos públicos de Pontevedra 

     

     

    O Concello avanza na “modificación puntual” do regulamento de veladores, no que será unha modificación transitoria ata a elaboración dunha futura nova ordenanza de uso dos espazos públicos. “Imos a tocar soamente os aspectos máis problemáticos que vemos no regulamento actual para intentar resolvelos o antes posible” explicou a concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías quen hoxe deu a coñecer as propostas que trasladará ao sector hostaleiro, colectivos veciñais e sociais e aos grupos políticos.

    As propostas formulada -sobre horarios, garda de materiais, ocupación do espazo, réxime de sancións, instrumentos de control….- están precedidas dunha ronda de contactos cos implicados, unha avaliación dos técnicos municipais sobre a súa viabilidade e enmarcadas no paradigma modelo Pontevedra.

    Óptase por unha modificación puntual por unha cuestión de fondo e de forma. “Entendemos que o espazo público nesta cidade é un espazo polivalente, os veladores forman parte dese espazo público pero non son os únicos. Neste concello regúlanse distintos usos: eventos deportivos, rodaxes, concertos, espectáculos de lecer… todas estas actividades teñen un procedemento propio e pode ser complexo e hai que conxugalas” subliñou a concelleira Anabel Gulías.

    Pontevedra conta cunhas directrices do espazo publico dende o ano 2009 pero a realidade do 2017 xa é outra polo que, segundo a responsábel do departamento de Promoción Económica é o momento de darlles un impulso e convertelas “nunha ordenanza de uso de espazos públicos no Concello de Pontevedra a nivel global”

    Ata que esta nova ordenanza – na que xa se comezou a traballar e que ten por diante un longo e complexo percorrido- sexa realidade, o Concello disponse a facer as modificacións puntuais precisas para regulamentar a actividade dos veladores e o uso do espazo públicos. Estas son as súas propostas e recomendacións feitas:

    Propostas:

    -Horario único de terrazas, de 9.00 horas a 1.30 horas.

    Trátase de conxugar a actividade hostaleira co descanso nocturno. Reservarase ao alcalde e a Xunta de Goberno local a potestade de facer modificación puntuais xustificadas do horario por festas, eventos deportivos, etc.

    -Garda de materiais

    Poderase sacar os materiais e equipamentos (mesas, cadeiras…) fóra do local dende a súa apertura máis só poderanse instalar os veladores no horario establecido.

    -Réxime de sancións
    Cuantificaranse os incumprimentos. As sancións poderán ir de 300 a 3.000 euros

    – Substituirase a actual viñeta por outro mecanismo de control mais efectivo e actualizado

    – Regularanse a ocupación dos espazos públicos co obxectivo de garantir sempre a accesibilidade. Por exemplo, o espazo mínimo libre dunha beirarrúa terá que ser de 1,80 metros (agora é de 1)

    – Habilitarase un instrumento de actuación para que o Concello teña a posibilidade de intervir no despregue de veladores en zonas complexas ou onde existan intereses enfrontados (por exemplo en prazas)

    A modificación na que se está a traballar inclúe unha serie de recomendacións respecto ao uso de sistemas de calefacción, materiais dos veladores, peches laterais… cuestións que xa están recollidas na ordenanza vixente e sobre as que se porá en marcha campañas de vixilancia co fin de intensificar o seu control.

    A concelleira Anabel Gulías porá en marcha unha ronda de contactos cos hostaleiros, veciños e grupos políticos co fn de presentarlles as propostas de modificación da ordenanza de veladores.