O Concello pon a disposición de Costas a PO-12 para construír o paseo a Marín

97
    • Está pendente unha reunión coa Xunta para coñecer os avances nos proxectos da Variante de Alba e da Ponte da Barca

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá unha Xunta de Goberno extraordinaria para pór a disposición do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través do Servizo Provincial de Costas, o tramo da PO-12 (avenida de Marín) que o Concello acaba de recibir do Ministerio de Fomento.

Este trámite é necesario para que Costas poda iniciar a licitación do proxecto de construción do paseo peonil que unirá o actual, coa pasarela de mariscadores nos Praceres.

A pasada semana o alcalde asinaba o convenio con Fomento polo que o Concello recibía a titularidade da vía até o inicio do nó de Celulosas, e esta mesma semana o Concello xa pon a vía a disposición de Costas para que execute o proxecto. De feito, dende o Servizo Provincial amosáronse interesados en que este trámite se realizase canto antes, de aí que o Goberno acordase facer unha xunta extraordinaria hoxe e non agardar até o vindeiro luns.

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera amosouse confiado en que “se resolvan as alegacións canto antes, e que saía pronto a licitación, porque o proxecto xa está redactado”.

Variante de Alba e Ponte do Burgo

César Mosquera tamén adiantou que o Concello está pendente dunha reunión que fixará a Xunta de Galicia para coñecer os avances nos proxectos da Variante de Alba e da Ponte da Barca.

Asegurou que lle foi informado que a Xunta reconsiderara o trazado que se propuxera nas últimas reunións coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Mantendo o punto de partida na N-531 (estrada de Vilagarcía) e tamén o paso da vía do tren, reconsidérase o entronque coa N-550 (estrada de Santiago) achegándoo á proposta do Concello, que a retiraba do entramado de vivendas da zona para levala un tanto máis ao norte (á altura da parada do autobús).

Sobre a Ponte da Barca, o concelleiro tamén agarda á celebración deste encontro para coñecer “as distintas” propostas da Xunta para esta vía de conexión entre Pontevedra e Poio.

COMPARTIR