Pontevedra abre as portas ao universo artístico da cineasta belga Agnés Varda

35
  • Julia Fabry, asistente e responsábel do seu comisariado, atopa no Pazo da Cultura un espazo idóneo para unha gran exposición de imaxes e instalacións audiovisuais no 2018
  • A mostra situaría a cidade no circuíto cultural internacional

Pontevedra traballa co fin de acoller no ano 2018 unha gran exposición e ciclo de actividades arredor do universo artístico da cineasta belga -e unha das figuras vivas máis relevante do panorama audiovisual mundial- Agnès Varda. A cineasta ven de recibir o premio Donostia do Festival Internacional de Cine e recibirá o próximo Óscar honorífico da Academia de Hollywood.

A proposta chega da man de Julia Fabry, asistente de Varda e todas súa exposicións e responsábel de seu comisariado. Leva días na cidade valorando as posibilidades para a organización do evento e hoxe mantivo un encontro no Concello de Pontevedra co alcalde Miguel Fernández Lores, as concelleiras de Cultura e Promoción da Cidade, Carme Fouces e Anabel Gulías, o responsábel da área de Cultura de Universidade, Manuel Morquecho, o vicerreitor do campus de Pontevedra, José Manuel Corbacho e o deputado provincial Xosé Leal.

Fabry atopa na sala de exposición do Pazo da Cultura un espazo idóneo para acoller a obra fotográfica e instalacións audiovisuais de Agnès Varda, polas súas dimensións e a súa luz, ademais dunha urbe cuxa filosofía e proximidade ao mar encaixa á perfección coa personalidade e o universo Varda.

“A ninguén se lle escapa que estamos a falar dunha exposición e dunha persoa cunha proxección enorme, que nos poría no circuíto cultural internacional “ subliñou o alcalde Miguel Fernández Lores quen tamén lembrou que Pontevedra “é unha cidade onde a cultura e as industrias culturais forman parte da súa base de dinamización económica e social”.

De chegar a bo porto, a exposición de Pontevedra sería a segunda de Agnés Varda no Estado, após dunha mostra celebrada en Sevilla no ano 2013.

Manuel Morquecho explicou que o proxecto Varda no que están traballando ten varios apartados: a exposición, un ciclo de cine acompañado de presentacións e coloquios, conferencias a cargo de especialistas e un obradoiro baseado en Jacques Demy para nenos e nenas, de 6 a 15 anos.