A rúa do Costado estará rehabilitada no mes de novembro

59

    • O alcalde visitou esta mañá as obras que supoñen a mellora da vía de 700 metros xunto aos servizos e recollida de pluviais. Tamén se instalarán pasos elevados para rebaixar a velocidade.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro delegado da parroquia de Mourente, Alberto Oubiña visitaron esta mañá as obras de rehabilitación integral da rúa do Costado, que une Valdecorvos con Santa Margarita, na parroquia de Mourente. O Concello está executar esta obra por 235.591,26 euros (o prezo de licitación era de 241.653 euros).

Como recordou o alcalde, esta actuación é “unha reivindicación veciñal” xa que a estrada atopábase en moi mal estado, e dá servizo a 32 vivendas. Son 700 metros de actuación nos que se renovan todos os servizos e recollida de pluviais, e tamén se completa cunha conexión de 70 metros que dá servizo ás vivendas que se topan na parte alta da rúa. Rematarase coa instalación de pasos sobreelevados para baixar a velocidade na rúa a 30 km/h.

Está previsto que o asfaltado definitivo se realice a vindeira semana, e as obras poidan rematar no prazo dun mes.

Calmado de tráfico e auga nos Areás

Paralelamente, o Concello tamén está a executar o Plan de calmado de tráfico en toda a parroquia de Mourente por valor de 134.301,88 euros (a licitación foi de 150.000 euros) que comezou esta semana polo lugar dos Areás.

O Concello iniciará en breve os traballos de abastecemento no lugar dos Areás adxudicado por 84.022,40 euros (a licitación foi de 104.753,74 euros). E está en tramitación o proxecto de reforma da Casa da Cultura dos Campos que terá un custe duns 300.000 euros, ao igual que a reforma do antigo colexio dos Campos para acoller as dependencias da Agader por uns 200.000 euros.

Na parroquia de Mourente fixéronse nos últimos dous anos obras de tanta transcendencia como o saneamento e abastecemento en Casas Novas por case un millón de euros, a remodelación da rúa dos Campos por 200.000 euros, a mellora de acceso do Monte a Cons por 120.000 euros, a rehabilitación integral da subida á igrexa de Mourente por 235.000 euros, ou o acceso a Monte Porreiro polos Campos que terá un custe superior ao 1,5 millóns de euros

Os investimentos pasados ou os futuros destes dous anos supón un investimento de máis de 4 millóns na parroquia.

O alcalde asegurou que “seguiremos traballando nesta liña” para levar os estándares de calidade urbana ao rural, tendo en conta a capacidade de inversión do Concello e o intereses por dotar de equipamentos aos veciños do rural.

COMPARTIR