A seca obriga a tirar da auga do encoro do Pontillón

64

A baixada do caudal do río Lérez pola seca obriga a tirar da reserva de auga do encoro do Pontillón de Castro dende o pasado sábado. “Detectouse na última semana unha baixada moi significativa do nivel do río” sinalou o portavoz do Goberno local e concelleiro responsábel do Ciclo da Auga, Raimundo González quen apuntou que fronte a un caudal de 2,73 metros cúbicos/segundo detectado hai unha semana o pasado venres rexistrouse unha media de 1,99 metros cúbicos/ segundo.

Sempre que o caudal baixa dos dous metros hai que dar paso á reserva da presa xa que as bombas de captación non responden ao 100% e mesmo deixan de funcionar. A dia de hoxe, subliñou o concelleiro Raimundo González, o subministro de auga está garantido, aportando o río Lérez o 60% do consumido e o Pontillón o 40% restante.

O Concello intensificou o seguimento da seca e as súas consecuencias aínda que a situación “non é preocupante” pois o consumo está garantido ao 100%. En calquera caso fase un chamamento á veciñanza para que faga un consumo responsábel da auga.

“Con só o Pontillón de Castro (de subministrado) teríamos auga para mes e medio” indicou Raimundo González que lembrou que polo de agora o subministro se está a facer de xeito combinado. A día de hoxe a capacidade do encoro está a un 94%.

O consumo medio de auga de Pontevedra e os concellos da ría foi de 32.825 metros cúbicos ao día durante a última última semana, unha cantidade idéntica a rexistrada pola media habitual.

Informe abastecemento 1:10_17

Informe abastecemento 8:10- 17

COMPARTIR