Os veciños coñecen o proxecto de acceso aos Campos

47
    • O proxecto ten un custe de 1.137.280,50 euros e un prazo de execución de 9 meses.
    • O Concello aprobará o convenio coa Deputación para executar este acceso nos próximos días, e o vindeiro ano entregará as contías necesarias para que a institución provincial faga as expropiacións de 32 fincas. Non afecta a ningunha vivenda.
    • Será unha vía de dous carrís, cunha beirarrúa ao carón das casas. Terá 605 metros de lonxitude e aproveita, en gran parte, o trazado da rúa da Regiña.

Os concelleiros de Obras e o delegado de Mourente, Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, respectivamente, manteñen esta tarde (ás 19.30 horas) unha reunión na Uned cos veciños para presentarlles o proxecto do novo acceso aos Campos dende Monte Porreiro. Adiantaron que, aínda que o proxecto está bastante pechado, van presentarllo aos veciños por se teñen que facer algunha suxestión puntual que se poida incorporar.

O Concello realizou no seu día o anteproxecto, que nestes meses concretou a Deputación provincial nun proxecto. Ten un custe de 1.137.280,50 euros e un prazo de execución de 9 meses.

A Deputación xa ten aprobado o convenio de colaboración co Concello para a realización desta nova vía, e o Concello está pendente de rematar os informes técnicos pertinentes para que sexa aprobado na Xunta de Goberno. Nese convenio, o Concello achegará 439.000 euros para as expropiacións que realizará a Deputación a partir do vindeiro ano, e 341.000 euros para a execución da obra. Unha vez que remate toda a administración administrativa, o Concello iniciará os trámites de contratación e licitación do proxecto, que poderá iniciarse cara finais do ano que vén.

Con esta vía, Concello e Deputación pretenden incorporar esta parte da cidade, unha das que máis crece, ao Modelo Pontevedra creando unha vía urbana con preferencia da mobilidade peonil e ciclista, e con tráfico calmado.

O trazado da vía de 605 metros parte da traseira dos terreos de Tafisa, creando un paso baixo a vía do tren e virando cara á rúa da Regiña, na que se farán as expropiacións do lado do que non hai as vivendas. O proxecto inclúe a expropiación de 32 propiedades, ningunha delas vivendas, e só un galpón.

Farase unha vía de dous carrís de tráfico, de 2,50 metros de ancho cada un. Cunha beirarrúa ao carón das casas cun mínimo de 1,50 metros.

O proxecto remata nos Campos, á altura das parcelas que inclúen o futuro local e a próxima sede da Agader, e aproveita para reordenar todo o espazo, recuperar a zona verde, mellorar a vía que bordea aos edificios para transformala nunha estrada de uso residencial e crear espazos de estacionamento no lugar, dado que será o punto de encontro desta parte da parroquia.

1 Acceso Os Campos planta

2 Acceso Os Campos Seccion

3 Acceso Os Campos urbanizacion Os Campos