Traslado da lonxa do mercado do primeiro andar á pranta baixa

184
  • O primeiro chanzo na aposta decidida do Concello a prol de reordenar os postos e darlle un pulo a dinamización da praza de abastos
  • A reubicación da lonxa ten un custe de 21.000 euros e xa ten pedidos os permisos á Xunta

En quince días baixarase a lonxa de pescado da praza de abastos do primeiro andar. “É un paso e unha aposta decidida por reordenar os postos do mercado, un tema do que se falou en moitas ocasións pero que comeza a efectivizarse” sinalou a concelleira de Promoción Económica e responsábel de Mercados, Anabel Gulías que non oculta que “o proxecto tivo certas resistencias pero despois de falalo coas persoas indicadas “enfrontarase este primeiro paso”.

A baixada da lonxa está orzamentada en 21.000 euros, IVE incluído, e inclúe os seguintes traballos:

  • o desprazamento dos elementos instaladas na lonxa actual
  • a colocación dos elementos que baixamos
  • o traslado dun posto de conxelados que ocupaba o espazo onde vai a nova lonxa
  • a instalación dunha porta automática de aluminio
  •  o tapado de ocos
  • a des-montaxe e montaxe do falso teito
  • o pintado da parede con lacado
  • o arranxo do pavimento que estaba degradado

Están xa solicitados os preceptivos permisos á Xunta de Galicia para o traslado da lonxa. Ademais, explicou a concelleira Anabel Gulías, o Concello ten a intención de sacar a concurso público a explotación da lonxa co fin de sacarlle máis rendemento. “A baixada pode ser un bo momento para iniciar a tramitación”, engadiu.

Non será a única reubicación que enfronte o mercado no curto prazo. O próximo luns, a concelleira manterá unha reunión coas praceiras para informarlles da proposta técnica que barallan para baixar ao primeiro andar as froiteiras que teñen hoxe en días os postos no segundo andar. A reordenación dos postos da praza son un paso máis cara o proxecto de remodelación do mercado -e reactivación- que promove a Concellería de Promoción Económica ao abeiro da Estratexia DUSI.

A reforma do regulamento do mercado, proxectos de dinamización como O ganapán ou Sétima Feira amosan que algo se está a mover no mercado e que a súa potenciación está nas prioridades do actual mandato municipal.

COMPARTIR