Retíranse 230 niños de vespa velutina en cen días

111
  • Os voluntarios coordinados polo departamento municipal de Medio Ambente Natural responden ás alertas de niños no mesmo día ou ao seguinte, na maioría dos casos
  • Agárdase un incremento de avisos nas próximas semanas xa que a caída da folla propia do outono fará máis visibles os niños
  • A loita contra a vespa asiática terá continuidade no tempo, está prevista unha campaña de trampeo na primavera co fin de capturar raíñas e minorar a proliferación de niños

 

A praga da vespa velutina non da tregua. A vintena de voluntarios -todos eles apicultores e coordinados polo departamento municipal de Medio Ambiente Natural- traballa arreo co fin de erradicala ou cando menos evitar ou minorar a súa expansión.

Nos arredor de cen días que levan actuando recibiron 250 avisos por parte de veciños e veciñas do municipio da presencia de niños, retiráronse 230. As previsións da área de Medio Ambiente Natural, que dirixe o concelleiro Alberto Oubiña, falan de que nas próximas semanas haxa un incremento tanto no número de avisos como no de retiradas, xa que a caída da folla pola chegada do outono fará máis visibles os niños.

Neste momento, os niños so máis grandes e na maior parte dos casos se atopan en fincas particulares, ben sexa en froiteiras ou muros, aleros, tellados, etc. Mais tamén foron retirados algúns en faiados e chemineas e mesmo apareceu algún no chan.

Co fin de garantir unha resposta rápida e áxil o concello está dividido en varias zonas e os voluntarios en grupos, de tal xeito que cada un cubre a zona asignada. Os voluntarios están saíndo case todos os días, pola tarde-noite polo que están dando moito do seutempo libre a isto. Actúan protexidos con traxes especiais, pértegas, gorros, insecticidas… un material facilitado polo Concello.

En xeral o tempo de resposta está sendo bastante curto, pois a maioría dos avisos aténdese no propio día ou no seguinte, en función da dispoñibilidade dos voluntarios.

O concelleiro de Medio Ambiente Natural, Alberto Oubiña, quere pór en valor e agradecer publicamente o traballo desenvolvido polos voluntarios -un piar fundamental da loita contra a praga da volutiña- e dos traballadores municipais que coordinan as accións

Avisos

O Concello, a través de Medio Ambiente Natural, puxo en marcha un protocolo de actuación no caso de descubrir un niño de vespa asiática no rural, xa que nas zonas urbanas a encargada da retirada destes niños é a Xunta de Galicia a través dun protocolo específico en colaboración co 112 e os bombeiros.

No caso de que alguén descubra un niño deste tipo de vespa, o Concello solicita a súa colaboración enviando a localización en GPS do niño ao whassap do teléfono 679 411 930 (teléfono de Medio Ambiente Natural que non recibe chamadas, só atende mensaxes). O departamento porase en contacto co grupo de voluntarios encargados de retirar os niños para darlles a situación exacta.

A praga de vespa velutina ou vespa asiática é moi perigosa tanto para as persoas, como para as hortas, e tamén para as propias vespas doutras especies, xa que acaban converténdose en alimento das asiáticas, exterminando as poboacións de vespas.

A loita contra a velutina terá continuidade no tempo, dende Medio Ambiente Natural xa se está a deseñar unha campaña de trampeo que se vai a desenvolver a próxima primavera co fin de capturar raíñas e impedir a proliferación dos niños desta vespa invasora.