O Concello transformará a cafetería do campo da Xunqueira en oficinas para os clubs

141

    • Os concelleiros Anxos Riveiro e Demetrio Gómez reuníronse esta mañá cos clubs para presentarlles o proxecto, que contempla ampliar a actual estrutura, crear unha sala de reunións e seis despachos.
    • A reforma tivo moi boa acollida entre os representantes dos equipos.

Os clubs Salgueiriños, A Seca e Portero 2000 amosáronse esta mañá moi interesados no proxecto de reforma que o Concello quere acometer nas instalacións do Campo de fútbol de herba sintética da Xunqueira I.

O Concello pretende transformar a cafetería nunha sala de reunión para todos os clubs que empregan a diario o campo da Xunqueira. É un espazo de 34 metros cadrados, que se completará cunha ampliación desta estrutura até os 182 metros cadrados onde se crearán seis despachos para uso dos equipos.

Esta nova estrutura estará unida á actual, baixo a cuberta cara a bancada do campo de fútbol, e estará en paralelo á rúa. Ademais, permitirá crear unha nova entrada ao campo, de tal xeito que os clubs poidan entrar a estas instalacións sen ter que abrir o terreo de xogo.

Esta mañá os concelleiros de Obras e Deportes, Demetrio Gómez e Anxos Riveiro presentaron este anteproxecto aos clubs que adestran a diario nesta instalación. Tivo moi boa acollida polos seus representantes que fixeron achegas sobre o material e mobiliario que precisan tanto para os despachos como para a sala común. Tamén resaltaron que con esta actuación sáldase unha petición histórica dos equipos que adestran na Xunqueira.

O Concello insire esta reforma dentro da nova política deportiva municipal que consiste na creación dunha rede de infraestruturas municipais tanto urbanas como rurais, que permitirá dispor de novos campos de fútbol de herba sintética, reformar o Multiusos, adaptar o pavillón da ONCE… Para poder plasmalo, o Concello precisa coñecer as necesidades e a opinión dos que empregan a diario estas instalacións.

COMPARTIR