Conxeladas as taxas e impostos municipais por cuarto ano consecutivo

44

    • O portavoz anuncia que no caso de ter aplicado o IPC dos dous últimos anos, o Concello ingresaría 850.000 euros máis, que deixa nos petos dos pontevedreses para mellorar o seu aforro.
    • O Concello opta polas inspeccións e actualizacións dos padróns buscando a equidade fiscal.
    • Pontevedra está entre as capitais de provincia de menor carga impositiva do Estado.

A Xunta de Goberno Local acordou esta mañá a conxelación de todas as taxas e impostos municipais por cuarto ano consecutivo, como paso previo á elaboración dos Orzamentos municipais de 2018, nos que xa traballa o Goberno. O concelleiro de Economía e Facenda e portavoz do Goberno, Raimundo González explicou que quedan conxeladas 20 ordenanzas de taxas, 5 ordenanzas de impostos, unha ordenanza xeral e outra de contribucións especiais.

Dende a Concellaría de Economía lémbrase que no caso de subir o IPC, fixado nun 2% de setembro do 2015 a setembro de 2017, o Concello ingresaría arredor de 850.000 euros máis nas arcas públicas. Fronte a esta vía, o Concello opta pola intensificación das inspeccións e actualizacións dos padróns buscando a equidade impositiva e permitindo, ao tempo, manter o aforro dos pontevedreses que están ao corrente coa administración.

Raimundo González explicou que a presión fiscal de Pontevedra é das máis baixas de todas as capitais de provincia do Estado, tal e como o recolle o Ranquin tributario dos municipios españois que publica todos os anos o Concello de Madrid.

No informe deste ano que avalía 52 capitais de provincia, Pontevedra ocupa o posto 42 no gravame da Plusvalía; o 39 no ICIO, a partir do 42 nos diferentes escalas do Imposto de vehículos; no posto 35 do IAE, e no 42 do IBI.

De feito, o Concello leva catro anos consecutivos (dende 2015 incluído) conxelando os seus gravames, pero conta cunha traxectoria de dez anos sen variar ou ben incrementando as taxas municipais por debaixo do IPC. De feito, conxeláronse os impostos e taxas nos anos 2007, 2009, 2010, 2011, e no período do 2015 ao 2018. O resto de anos dende 2007, os incrementos foron por debaixo IPC e sobre unhas poucas taxas.

Raimundo González explicou que o Concello xa traballa na elaboración da norma económica do ano 2018, “pero quen vai con atraso nesta ocasión é o Partido Popular”, indicaba xa que está pendente de coñecer cal será a porcentaxe de suba dos funcionarios ou as transferencias do Estado aos concellos, datos fundamentais para concretar os Orzamentos.