O Concello coñece o proxecto de rehabilitación do edificio da Xunta de Benito Corbal

71

O Concello de Pontevedra coñeceu onte o proxecto definitivo da rehabilitación do antigo edificio da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal. O vicepresidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda en compañía de responsables políticos da Xunta e técnicos da consellería presentoulle ao alcalde e aos portavoces dos grupos municipais (asistiron o portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira e o portavoz do grupo Marea, Luís Rei) o proxecto definitivo. Cabe lembrar que o Concello foi o impulsor da rehabilitación deste edificio dende fai dez anos, momento no que quedou pechado, logo da posta en marcha das novas dependencias da Xunta en Campolongo.

Fernández Lores destacou que “non parecía correcto permitir que o edificio se fose abandonando e acabase causando máis problemas que beneficios”, ademais de que “era urxente darlle un espazo á universidade para o Campus crea”.

O alcalde recoñeceu estar satisfeito coa posta en marcha deste proxecto e tamén aprobou os procesos de recuperación ao ser unha construción que busca a accesibilidade universal e o respecto ambiental.

A rehabilitación disporá de salón de actos, acollerá o servizo de emprego da Xunta, as instalacións do Campus Crea e contará cun espazo de 600 metros cadrados para as entidades veciñais do concello.

O inicio das obras será no ano 2018 e o remate está previsto para o primeiro semestre de 2019. O alcalde recoñeceu non estar preocupado polos prazos, dado que o realmente importante e a posta en marcha desta rehabilitación.