Comeza o despregue dos composteiros comunitarios en Monte Porreiro

69
    • Mañá comezan as obras para instalar as bases das primeiras 13 illas das 25 que se colocarán no barrio, que xerará arredor de 1.800 quilos de biorrresiduos ao día.
    • A empresa Naturgalia será a encargada de realizar as obras, que simultaneará en distintos puntos do barrio.

O Concello de Pontevedra inicia mañá o despregue dos composteiros no barrio de Monte Porreiro. Hoxe o concelleiro de Obras e o responsable de participación no proceso de implantación da compostaxe, Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, respectivamente visitaron o barrio en compañía de representantes veciñais para ultimar os puntos exactos nos que mañá comezarán a instalarse as bases dos primeiros composteiros.

Pola súa banda, a concelleira responsábel do servizo, Carme da Silva, explicaba que se instalarán un total de 25 illas de compostaxe no barrio, e as obras comezan mañá mesmo pola parte norte de Monte Porreiro.

Na actualidade existen tres illas de compostaxe neste barrio: na rúa Italia, na praza de Europa e na rúa Alemaña (xunto ao local social). Está previsto completar esta dotación con 25 illas máis para atender a unha poboación de 4.599 veciños. Segundo os datos municipais, esta poboación xera arredor de 1.840 quilos/día de biorresiduos (que xera arredor de 7-8 kg de compost). Ademais, existen produtores singulares (cafeterías, restaurantes, supermercados…) que xeran arredor de 895 kg/día, segundo explicou esta mañá Carme da Silva.

O despregue comeza coa instalación de 13 illas de compostaxe na zona norte do barrio, a máis poboada, para continuar co resto de rúas. As novas dotacións completarán as existentes nas rúas Italia e Alemaña, tamén na praza de Europa e poranse outros nas rúas Irlanda, Luxemburgo e Grecia.

A empresa Naturgalia foi a adxudicataria da instalación das bases dos composteiros por 213.504,50 euros. Comezará mañá os traballos en distintos puntos do barrio simultaneando a creación de varias illa de compostaxe. Estas bases fanse cunha celosía no chan e disporán de conexión de auga para a limpeza dos cubos ou dos depósitos que os veciños empreguen para os orgánicos.

Unha vez que estean listas as bases, instalaranse os módulos de compostaxe, a maior parte de dez en dez. A adxudicación dos composteiros foi aprobada esta semana na Xunta de Goberno Local á empresa Verdicán S.L.  por 137.940 euros que subministrará 300 unidades de compostaxe para os barrios de Monte Porreiro e Campolongo.

Ao mesmo tempo comezarán as reunións dos mestres composteiros que atenden a Pontevedra coas comunidades de veciños para explicarlles o proceso de compostaxe e o composteiro que teñen asignado.

Unha vez que remate o despregue de todos os composteiros, o Concello fará illas de reciclaxe en todo o barrio no que haberá colectores amarelos (envases), iglús verdes (vidro), colectores azuis (papel) e un cuarto colector (será verde -aproveitando os actuais- ou gris) para depositar a fracción seca de residuos.

A concelleira Carme da Silva explicou que dado que se trata de residuos que non son orgánicos poderase baixar a frecuencia de recollida de lixo no barrio.

Campolongo

Pola súa banda, os técnicos municipais xa traballan na busca de espazos no barrio de Campolongo para situar os composteiros, un dato que se coñecerá nos vindeiros días cando os veciños tamén comecen a recibir a mesma información que en Monte Porreiro para iniciar o despregue.