Lores participa en Santander e  Irún en dous actos sobre o modelo urbano

33

    • Participa nun ciclo de conferencias organizado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Cantabria sobre urbanismo.
    • Tamén asistirá á Asemblea Xeral da rede de Cidades que camiñan, na que participará cunha ponencia.

O Colexio Oficial de Arquitectos de Cantabria será escenario o mércores dunha conferencia impartida polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores baixo o título “Un novo modelo de cidades”. Terá lugar dentro do ciclo denominado “Collage de diagnóstico, comprensión e intervención urbanística” organizada pola consellería de Universidades, Investigación, Medio Ambiente e Política Social do goberno cántabro.

A charla do alcalde será o acto inicial da xornada, a partires das 6 da tarde, e irá seguido dunha mesa redonda na que ademais participará a filósofa Susana Jiménez, impulsora da experiencia “The Jane’s walk (O paseo de Jane)”, referido precisamente a unha das inspiradoras do modelo pontevedrés, Jane Jacobs, que publicou en 1961 “Vida e morte das grandes cidades americanas”, onde avoga por cidades peonís e con usos múltiples, dúas ideas forza que inspiraron a transformación urbana pontevedresa.

Tamén participará no debate a arquitecta Clara del Cerro e o alcalde de Santa Cruz de Bezana (limítrofe con Santander), Pablo Zuloaga.

O venres, Lores desprazase de Santander a Irún para participar na Asemblea Xeral da Rede de Cidades que camiñan, que este ano ten lugar nesa cidade vasca limítrofe coa fronteira internacional. Alí ofrecerá unha conferencia ás 11,30 sobre o modelo de cidade, para regresar posteriormente a Pontevedra por estrada, e retomar a axenda habitual o sábado pola mañá.

COMPARTIR