De Santander a Irún, co modelo de cidade

26

‣ O alcalde participou no Congreso anual das Cidades Camiñan do que Pontevedra é presidenta

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presidiu o foro das Cidades que Camiñan que se reuniu na cidade de Irún. Nesta quinta reunión, o alcalde impartiu unha conferencia sobre o modelo de cidade de Pontevedra, e atendeu ás demandas que presentaron o resto de membros participantes nas xornadas.

Fernández Lores trasladouse á Irún logo de ter parado onte en Santander para participar nas xornadas de urbanismo que promove o Goberno cántabro xunto ao Colexio de Arquitectos de Cantabria.

A “exportabilidade” do modelo urbano e a súa aplicación noutras cidades percorreu a longa sesión que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo o xoves en Santander cun grupo duns 30 arquitectos cántabros na sede cultural do seu colexio oficial baixo o título “Vida urbana, vida humana”.

Lores compartiu mesa redonda coa filósofa Susana Jiménez, impulsora do Paseo de Jane en Madrid, a arquitecta cántabra Clara del Cerro e o alcalde de Santa Cruz de Bezana, Pablo Zuloaga.

Durante 4 horas, os participantes prantexaron diversas cuestións relacionadas co modelo urbano, os procesos de participación social, as relación das cidades centrais coas áreas metropolitanas ou territoriais próximas e o papel que debe xogar a planificación nos procesos de transformación das cidades.

“Vente a Madrid” foi a frase que, dirixida a Lores, pronunciaba Susana Jiménez como resume dunha sesión que se iniciaba coa intervención sobre o “Paseo de Jane”, e na que a filósofa laiábase dos continuos problemas que causan na súa cidade o exceso de coches e a contaminación provocada pola mobiliade embrutecida que aínda rexistra a capital do Estado.

Estes paseos —que naceron en Toronto como sesións lúdicas e reivindicativas do espazo público— son experiencias abertas de coñecemento urbano a través de roteiros que se aproveitan para a interacción entre as persoas, tal como defendía Jane Jopkins na súa obra “Morte e vida das grandes cidades americanas” (1961), un dos referentes do modelo pontevedrés.

A presenza do alcalde de Bezana, un municipio limítrofe con Santander serviu para queixarse das dificultades que presentan as relacións entre as distintas políticas municipais dun área metropolitana á hora de planificar as infraestruturas e o transporte radial de viaxeiros.

A falta de políticas conxuntas é un problema común, tanto para cidades que están expulsando xente cara aos municipios limítrofes, como para as que grazas a calidade urbana que ofrecen, caso de Pontevedra, medran en poboación e teñen que responder ao reto dun crecemento sustentable tamén en termos de mobilidade.

Lores mostrou a experiencia pontevedresa como unha acción “holística” ou o resultado dun traballo de carácter global no que se tocaron a práctica totalidade dos aspectos que inciden na calidade de vida das persoas, o que a diferencia dos procesos de simple peonalización ou melloras da accesibilidade que se levan a cabo en moitas cidades: “en Pontevedra traballamos con conceptos e filosofía global, atendendo a un tempo ao incremento do espazo público, a seguridade viaria, a procura dun entorno máis sano, a cidade dos nenos e nenas, a vida independente das persoas con dificultades de mobilidade, o comercio de proximidade, o ciclo da auga, a seguridade pública, a cultura e a vitalidade das rúas… está sendo un labor que abrangue a prácticamente toda a xestión municipal”.

COMPARTIR