“Queremos que Jeonju se pareza á mellor cidade do mundo: Pontevedra”, alcalde SeungSu Kim

79
  • Nunha conferencia de prensa ante medios locais, SeungSun Kim recoñece que a súa aspiración é que a súa cidade sexao máis peonil e amigable
  • Ambas cidades asinarán mañá un acordo de colaboración nun acto no que Pontevedra recibirá o premio Cittaslow á mellor práctica

“Queremos que Jeonju se pareza á mellor cidade do mundo, que neste momento é Pontevedra”, asegurou o alcalde de Jeonju, SeungSu Kim durante a comparecencia de prensa que realizou esta mañá ante os medios de comunicación locais na cidade coreana. Neste encontro mediático tamén participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, que se atopan dende o mediodía de hoxe nesta localidade, logo de viaxar pola mañá dende Seúl, para participar no World slowness forum & awards 2017.

O alcalde de Jeonju destacou o exemplo que para o mundo supón a cidade de Pontevedra, con Fernández Lores ao fronte “que está sendo o grande heroe do século XXI, polas súas boas prácticas urbanas”. Destacou na súa intervención a importancia de facer unha cidade peonil, camiñable e amigable, desterrando os vehículos, por iso un dos seus obxectivos como alcalde de Jeonju é conseguir unha cidade máis camiñable.

Miguel Anxo Fernández Lores tamén interveu na rolda de prensa para agradecer o convite -devolvendo a visita realizada polos alcaldes coreanos do movemento Cittaslow de xuño de 2016-, e o premio que mañá recibe Pontevedra.

Resumiu que nos últimos 18 anos “consideramos que o sensato era recuperar o espazo público para as persoas, que naquel momento estaba sendo invadida polos coches”.

Acordouse pór sobre a mesa o dereito dos cidadáns a gozar da súa cidade e a deixar pasar os coches necesarios para manter unha cidade dinámica, e compatible cunha gran calidade de vida.

Que os nenos poidan ir camiñando ao colexio sós, a redución da polución nun 70%, accesibilidade universal, ou cero mortos por accidentes de tráfico nos últimos seis anos son datos que avalan este modelo, xunto ao crecemento do comercio local no centro e a creación dunha cidade máis segura. Por todo iso foi merecedora de premios como o ONU Hábitat, o premio do Center for Active Design de Nova Iorque e, agora, o das Cittaslow en Corea.

Cidade peonil e amigable

A preguntas dos xornalistas, o alcalde de Jeonju aclarou que mañá asinará un acordo co alcalde de Pontevedra para fomentar a colaboración entre ambas cidades “porque temos un montón de cousas que intercambiar, xa que queremos que a nosa cidade sexa máis peonil e amigable como Pontevedra”.

Ao encontro coa prensa asistiu o vicepresidente de Cittaslow International, bon sohn, tamén profesor emérito Hanyang University, e o eco arquitecto Nigel Bell representante da Cittaslow de Katoomba, en Australia.

A conferencia de prensa, que se estendeu durante case unha hora, celebrouse nas instalacións de Jeonju Hyanggyo, unha antiga escola confuciana moi ben conservada que data de hai máis de 400 anos. É un espazo patrimonio cultural considerado Tesouro histórico.

Previamente, o alcalde e Daniel Macenlle fixeron unha visita polo Wanpanbon Culture Center, próximo ao Jeonju Hyanggyo, para coñecer o traballo de recuperación de antigas publicacións coreanas impresas con taboas de madeira.

Xa pola tarde, logo dunha comida oficial, toda a delegación que mañá participará no encontro internacional das Cittaslow (con asistentes de Italia, Xapón, Australia) participaron en dous actos tradicionais coreanos como convidados especiais da cidade de Jeonju. Foi no pobo Hanok de Jeonju, barrio tradicional onde se atopan máis de 800 vivendas de estilo coreano.

No primeiro asistiron ao desfile de traxes rexionais realizados por deseñadoras locais e, incluso, chegaron a vestir e a desfilar con eles como sinal de recoñecemento, e o segundo foi a tradicional cerimonia do te que se celebrou nunha construción típica no alto do pobo Hanok.

COMPARTIR