Melloramos a mobilidade e seguridade peonil na contorna do IES Torrente Ballester

103
  • A actuación afecta as rúas Herminia Fariña Cobián, Pintor Virxilio Blanco, Pintor Manuel Colmeiro, Bibiano Fernández-Osorio Tafall e Pintor Urbano Lugrís
  • Ampliaranse as beirarrúas e desviarase o tráfico de paso cara o borde do barrio, nunha intervención condicionada pola presenza dun instituto con 580 alumnos e alumnas
  • O proxecto potenciará tamén o acceso peonil ao aparcadoiro disuasorio próximo

O Concello de Pontevedra actuará na contorna do IES Torrente Ballester para mellorar a mobilidade peonil na zona, acadar un espazo público de calidade e potenciar o acceso peonil ao aparcadoiro disuasorio próximo ao centro de ensino. As obras previstas afectan ás rúas Herminia Fariña Cobián, Pintor Virxilio Blanco, Pintor Manuel Colmeiro, Bibiano Fernández-Osorio Tafall e Pintor Urbano Lugrís.

O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, presentou hoxe o proxecto definitivo do que dera conta onte a noite á veciñanza nunha xuntanza celebrada no instituto. O proxecto incorporou achegas da asociación veciñal, veciños e veciñas a titulo persoal e da comunidade educativa. Aínda onte fixeron unha última proposta, desvelou o concelleiro: demandaron a colocación de “lombos” na rúa Pintor Urbano Lugrís que leva a aparcadoiro disuasorio próximo ao centro educativo.

Á hora de redactar o proxecto houbo que ter en conta dous condicionantes, explicou o concelleiro Demetrio Gomez: por unha banda, o intenso tráfico peonil da zona, especialmente na rúa Herminia Fariña pola que cada día, de luns a venres, soben e baixan 580 alumnos/as do IES Torrente Ballester e por outra banda, o tráfico de saída (e de conxestión) desta rúa.

Aplicouse os estándares de calidade urbana do modelo Pontevedra, adaptado a unha realidade de rúas angostas. En consecuencia: ampliaranse as beirarrúas, que no caso de Herminia Fariña obrigarán a deixar un único carril de circulación (de saída) no 1º tramo, o que vai dende a avenida de Vigo á rúa Pintor Manuel Colmeiro. No 2ª treito, ata a rúa Pintor Virxilio Blanco, quedará dobre circulación para poder facer a distribución de tráficos no barrio.

Os cruzamentos da rúa serán elevados, a un único nivel, a modo dunha pseudo- praza, o que dará aire a zona. O obxectivo é que sexan os vehículos os que teñan que salvar o desnivel existente en vez dos peóns. Deste xeito engádese un plus de seguridade viaria.

“En resume sacarase o trafico de paso cara o borde do barrio e restrinxirase a circulación ao tráfico de necesidade” sinalou Demterio Gómez

O proxecto de mellora da accesibilidade da contorna do IES Torrente Ballester que acaba de pasar a contratación, terá un custe de algo máis de 241.000 euros e un prazo de execución de catro meses.

COMPARTIR