Os investimentos do Concello chegarán aos 19,4 millóns, un 50% máis do orzamentado

23

A Comisión de Economía e Facenda deu luz verde hoxe a modificación de crédito de 2.743.000 euros aprobada na última Xunta de Goberno local a conta do superávit da liquidación do exercicio 2016. Unha modificación que, xunto coa aprobada no pasado mes de abril, eleva nun 50% os investimentos do Concello neste ano respecto a cantidade fixada inicialmente no orzamento municipal para o ano.

O portavoz do Goberno local e concelleiro de Facenda, Raimundo González, lembrou que o orzamento municipal para o ano 2017 aprobado o pasado decembro recollía “da orde de 13 millóns de euros en investimentos e agora, coa modificación de abril e a utilización do superávit nos vai a pasar a 19,4 millóns”.

“Creo que é unha moi boa nova polo que implica: máis traballo, máis postos de traballo e mellora das condicións de vida dos veciños e veciñas de Pontevedra” subliñou Raimundo González. O concelleiro sinalou que nova modificación de crédito vai a permitir abordar “a obra de reforma dunha rúa de tanta importancia, de tanta historia como a rúa Virxe do Camiño, que nos quedaba atrás na mellora do Camiño Portugués (no seu tramo urbano)” . Neste momento está en contratación o proxecto da rúa do Gorgullón, está en contratación o proxecto da ponte do Burgo, lembrou.

O proxecto de reforma e acondicionamento da rúa Virxe do Camiño está orzamentado en 1.411.000 euros. O resto do crédito 1.322,600 euros servirá para amortizar débeda municipal

COMPARTIR