Asinado o convenio Concello-Deputación que garante o novo acceso a Monte Porreiro

87
  •  O proxecto suporá un investimento de 1.576.674 euros, dos que 439.393,50 son para expropiacións
  • O Concello asume o custe das expropiacións e o 30% do valor da obra e institución provincial abonará o 70% restante
  • El alcalde Miguel Fernández Lores e a presidenta provincial, Carmela Silva subliñan “a colaboración leal” das dúas administracións

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva asinaron hoxe o convenio de colaboración para a construción da nova estrada de acceso a Monte Porreiro. Xunto a eles estivo o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente provincial, César Mosquera.

O novo acceso ao barrio de Monte Porreiro suporá un investimento de 1.576.674 euros, dos que 439.393,50 adicaranse a expropiacións. O Concello asume o custe da adquisición dos terreos precisos e o 30% da obra – 1.137.280,50 euros- e a Deputación abonará o 70% restante. “Sumando unha cousa e outra cada administración aportará arredor do 50%”, resumiu o alcalde de Pontevedra.

Fernández Lores insistiu en que este novo acceso achegará Monte Porreiro á cidade e ós seus servizos cun traxecto máis curto que o existente ao carón do río cun percorrido peonil de grande calidade. “Este é un chanzo máis dentro dos compromisos da Deputación neste mandato. Sabemos que sempre se pode ir máis rápido, pero estou contento porque hai unha colaboración leal entre as dúas administracións. O Concello marca as prioridades para aumentar a vida dos seus cidadáns e a Deputación aporta as cantidades para executalas”, explicou.

Carmela Silva subliñou que a sinatura deste convenio “enmárcase no protocolo de colaboración global definido ao comezo do mandato a través do cal o concello establecía as súas prioridades, as súas necesidades e as liñas de actuación para impulsar novas  infraestruturas e actuacións na cidade coas achegas da institución provincial”. A través do protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello, “investiremos, durante este mandato, dez millóns de euros na cidade para que teña as mellores infraestruturas e os mellores servizos”, engadiu a presidenta.

Pola súa banda o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente provincial, César Mosquera lembrou que o proxecto para o novo acceso a Monte Porreiro naceu hai máis de 15 anos, cando o Concello propuxo a necesidade de unir o barrio co centro de Pontevedra. Indicou que a nova estrada é tamén posible porque se planificou con tempo e se conseguiu que Fomento deixase un paso de 12 metros cando se fixo o tren. “Intentamos abrir a conexión cunha intervención mínima no territorio, aproveitando o viario existente e abrindo poucos metros de vía novos -só para evitar unha curva. É unha obra da que estou contento porque está decantada, é sinxela e vai resolver problemas”, asegurou.

Sobre a tramitación administrativa, Mosquera Lorenzo afirmou que se non hai complicacións as obras poderán iniciarse nun ano ou ano e medio. A partir de agora realizarase a aprobación das expropiacións no Pleno da Deputación, a exposición pública, a resolución destas e a posterior contratación dos traballos. Xa está concedida a autorización ambiental da Xunta.

O proxecto

Para dar cumprimento aos obxectivos de mellora do acceso a Monte Porreiro, os servizos técnicos do Concello elaboraron un anteproxecto que despois foi completado pola Deputación. Este recolle unha vía de 605 metros de lonxitude con tráfico calmado, que disporá de dous carrís de circulación de 3,50 metros de largo cada un, cunha beirarrúa de 2,50 metros na marxe esquerda e facilitará o acceso peonil ata a Universidade e o barrio de Monte Porreiro.

O trazado aproveita o paso inferior baixo as vías do ferrocarril, xa executado polo Ministerio de Fomento, e na súa meirande parte sigue o trazado da rúa Reguiña, ampliándoa, de xeito que se minimizan as expropiacións e afeccións. No treito final, na contorna dos Campos, prevese a urbanización da área pública e a reordenación do tráfico.

O proxecto ten un orzamento total de 1.137.280,50€ cun prazo de execución de nove meses e prevé, asemade, expropiar unha superficie de 7.979 m2 (cun orzamento estimado de expropiacións que ascende a 439.393,50€), facendo un total de investimento que chega aos 1.576.674 euros, que se aboarán durante os anos 2017, 2018 e 2019.

Convenio Monteporreiro