Lores: “A viaxe a Corea traerá retornos á cidade, especialmente, turísticos”

48

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores fixo esta mañá unha valoración moi positiva da viaxe institucional realizada á Corea do Sur, á localidade de Jeonju, da que “confiamos que traia retornos de todo tipo, especialmente de carácter turístico”, aseguraba.

Explicou que Corea do Sur é unha potencia emerxente “cunha capacidade económica evidente”, e a delegación pontevedresa acudiu para participar no Congreso Internacional das Cittaslow e para asinar un acordo de colaboración coa cidade de Jeonju (de 700.000 habitantes e cunha área metropolitana de 3 millóns) para fomentar as relacións de todo tipo entre as dúas cidades.

No Congreso Internacional das Cittaslow, Pontevedra recibiu o primeiro premio que entrega esta entidade, e resultou gratificada xunto ás vilas de Asolo, en Italia, e Katoomba, en Australia, recoñecidas tamén polas súas boas prácticas.

Na sinatura co alcalde de Jeonju, SeungSu Kim amosouse moi interesado no modelo de Pontevedra e expresoulle a Fernández Lores o interese de moitas cidades coreanas en coñecer o modelo de cidade de Pontevedra. De feito, no congreso estaban presentes políticos ou técnicos de todas as cidades coreanas que forman parte das Cittaslow:

    • Jecheon
    • Yeongwol
    • Yeongyang
    • Cheongsong
    • Sangju
    • Hadong
    • Wando
    • Shinan
    • Damyang
    • Jeonju
    • Taean
    • Yesan
    • Namyangju

A visita de Pontevedra a Jeonju tivo moita repercusión na prensa coreana, tanto de ámbito local, como provincial e nacional, nas que falan de Pontevedra como a cidade do futuro, avalada polas Nacións Unidas, e con visión de futuro.

Acordo Pontevedra-Jeonju

COMPARTIR