Ana Villegas, gañadora do 1º Concurso Internacional de Ilustración do Salón do Libro

36
  • O traballo -escollido entre 234 propostas- será a imaxe do cartaz da XIX edición do Salón que se celebrará do 6 ao 29 de abril no Pazo da Cultura
  • O xurado destacou “a acertada representación da temática dp Salón” e “a harmonía da composición e a súa estética limpa e ordenada”
  • O certame, convocado por Galix e o Concello de Pontevedra, seleccionou 12 finalistas
  • Coas ilustracións da gañadora e dos 12 finalistas farase unha exposición durante o Salón e un catálogo en forma de calendario do libro e da lectura 2018

A ilustradora viguesa Ana Villegas resultou gañadora do 1º Concurso Internacional de Ilustración, convocado por Galix (Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil) coa colaboración do Concello de Pontevedra, co fin de escoller a imaxe do cartel da XIX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que se celebrará no Pazo da Cultura da cidade entre o 6 e o 29 de abril de 2018 e que terá a temática central “Mulleres de conto”.

O xurado escolleu o traballo de Ana Villega de entre 234 presentados, o que fala do éxito da convocatoria, “e non só pola cantidade, se non tamén pola calidade e a variada procedencia dos proxectos” subliño a concelleira de Cultura e presidenta do xurado, Carme Fouces. Hai traballos chegados de toda Galicia e do resto do Estado, de distintos países Latinoamérica (Chile, Arxentina, Ecuador…), de Europa (Francia, Italia, Rusia, Alemaña, Estonia…), de Irán, etc.

Á hora de escoller o traballo de Ana Villegas o xurado do certame destacou “a acertada representación da temática do Salón, no que se representan un mosaico que amosa a diversidade das mulleres de conto, mulleres famosas e anónimas, que viven e gozan arredor da lectura”. Destacou tamén “a harmonía da composición, a estética limpa e ordenada e a axeitada composición en consonancia coa gráfica” de cartaz.

Integran o xurado, reunido hoxe na Sala de Comisións do Concello as seguintes persoas

  • Carme Fouces, concelleira de Cultura
  • Antonio Seijas, en representación de Galix (Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil)
  • Alberto Ariza, en representación da AGAPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración)
  • Itziar Ezquieta, doutora en Belas Artes, artista plástica e ilustradora
  • Belén G. Freijeiro, en representación do Máster Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra
  • Eva Mejuto, coordinadora do Salón Internacional do Salón do Libro Infantile Xuvenil de Pontevedra.

Ademais da imaxe gañadora, o xurado votou 12 finalistas. Con todos elas farase unha exposición durante o Salón e ademais a área de Cultura da Deputación de Pontevedra editará un catálogo en forma de calendario do libro e da lectura infantil e xuvenil,LIX 2018.

Os autores e autoras dos proxectos finalistas son os seguintes: Sofía Venzel (Rusia, foron escollidos os dous proxectos que presentou), Rocío Alejandro (Arxentina), Susana Suniaga (Venezuela), Diana Sofia Zapata (Ecuador), Inge Nouws (Alemaña), Pablo Balzo (Chile), Cristian Turdera (Arxentina), Tiiu Kitsik (Estonia), Adolfo Serra (España), Yolanda Mosquera (España) e Camilla Zaza (Italia)

 

As ilustracións finalistas en http://www.salondolibro.gal/premio/

 

COMPARTIR