As Federacións de veciños presentan as súas peticións para os orzamentos 2018

43

    • Recuperar Monte Vivo, crear un estacionamento disuasorio na Parda, información das novas liñas de transporte ou a mellora da sinalización da cidade, ademais de programas de formación para persoas en paro, entre as peticións xerais.
    • Entre as específicas hai solicitudes en materia de seguranza viaria, accesibilidade, parques e xardíns, campañas de información da compostaxe ou melloras do alumeado público entre outras, até un total de 42.

O Concello de Pontevedra mantivo onte pola tarde unha segunda reunión coas Federacións de veciños do municipio para recoller e estudar as propostas que fan para a elaboración do orzamento de 2018. Segundo explicou esta mañá o concelleiro de Economía, Raimundo González, presente na reunión xunto coa tenente de alcalde, Carme da Silva, o encontro desenvolveuse nun ton cordial e cunha actitude construtiva, polo que agradeceu a colaboración de ámbalas dúas federacións presentes: Teucro e Castelao.

Das propostas presentadas, cinco eran de carácter máis xenérico e 42 específicas. As xenéricas son a creación dun estacionamento disuasorio no barrio da Parda, preto dos Xulgados; a recuperación da figura do Monte Vivo; o acopio de información sobre as novas liñas de transporte; a mellora e actualización da sinalización nas entradas e saídas da cidade; e a formación de persoas en paro.

Entre as específicas, hai temas relativos á seguridade viaria como a instalación de máis lombos na avenida de Bos Aires, Campañó, Alba, Ponte Sampaio ou Cerponzóns; melloras de accesibilidade na biblioteca de Ponte Sampaio; o remate do saneamento en Salcedo, Alba, Lérez e Ponte Sampaio; campañas de promoción da compostaxe nas parroquias e a instalación de illas de reciclaxe; melloras de alumeado público; traballos de recuperación de lavadoiros e fontes públicas; ou a recuperación de zonas verdes entre os que se atopan proxectos tan concretos como a instalación dunha varanda ao carballo centenario do Gabián, en Verducido, ou o levantamento do río dos Gafos, en Campolongo.

“Iremos analizando cada unha das peticións xa que a nosa pretensión é recoller a gran maioría”, explicaba Raimundo González, quen adiantou que confía en ter a vindeira semana o primeiro borrador para pasarllo aos grupos políticos.