Concello, Mancomunidade e Universidade colaboran na creación de devasas para previr os lumes en Pontevedra

59

    • O Concello está disposto a financiar esta acción a través do programa Monte Vivo, que se recupera dende este momento, e que disporá de financiamento nos orzamentos de 2018.
    • Propónse facer devasas vexetais en grandes áreas que poden ser de propiedade da mancomunidade de montes, e tamén de privados.

O Concello de Pontevedra, a Mancomunidade de Montes de Pontevedra e a Universidade de Vigo colaborarán dende “xa” para elaborar un Plano de devasas vexetais do concello, para poñelo en marcha a través do programa Monte Vivo, que recupera o Goberno Local dende este momento.

O concelleiro responsábel de montes, Demetrio Gómez explicou esta mañá que onte mantivo un encontro cos responsables da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, e previamente xa houbo contactos coa Escola de Enxeñeiros Forestais de Pontevedra, da Universidade de Vigo, “para elaborar accións concretas que permitan reorientar a  política municipal forestal e poder actuar contra os lumes, nos que, como é sabido, hai que traballar no inverno”.

A acción concreta é evitar as masas forestais continuas, polo que se farían devasas vexetais que impidan que o lume atravese de xeito incontrolado todo o concello, e fixar un plan para atacar o lume sabendo por onde pode entrar. “Faríanse ben plantando novas masas forestais ou ben limpando e rozando o monte”, explicou Demetrio Gómez.

Grande parte destas devasas estarán en terreos das comunidades de montes, pero no caso de afectar a terreos privados, serán as propias comunidades as encargadas da organización en cada unha das parroquias, mantendo elas os contactos cos privados.

Está previsto pór en marcha unha mesa de seguimento do programa integrada polas tres entidades: Concello, Mancomunidade e Universidade, esta última encargada de asesorar a posta en marcha deste plan. De feito, na reunión mantida onte coa Mancomunidade de Montes tamén se propoñía a posibilidade de dispor de persoal formado para a activación do proxecto, unha medida coa que o Concello está de acordo, pero que debe estudar o seu encaixe legal.

O Plano de devasas forestais contaría co apoio económico do Concello que “está disposto a financiar estas actuacións con eses obxectivos”. Mostra da iniciativa municipal, é a consignación dunha partida para o orzamento de 2018 para recuperar o proxecto Monte Vivo.

Demetrio Gómez recordou esta mañá que o Concello puxera en marcha o proxecto Monte Vivo logo da vaga de lumes que afectou a unha grande do territorio forestal do concello no ano 2006. Froito daquela política foi a reforestación con especies autóctonas de grandes zonas en distintas parroquias ou a proxección de varios parques forestais, algúns dos cales están en marcha nestes momentos.

Asegurou que Galiza pode ter condicionantes que poden supor un problema para frear as vagas de lumes, “pero debemos aproveitalo tamén”, de feito dispón dun monte moi produtivo, que xera unha gran cantidade de biomasa.

A propiedade do terreo tamén é outro punto forte. Porque a pesar do minifundismo, “hai propiedades grandes, propiedade da mancomunidade de montes que son entidades pegadas ao territorio”.