Discurso do acto oficial do Doce de novembro (2017)

7

Amigas, amigos,

Un ano máis xuntámonos nesta rúa Doce de Novembro, diante deste monolito para realizar a nosa sentida e emocionada lembranza daqueles terribles momentos que seguiron á involución contra a legalidade republicana no ano 36.

Claro que non podemos volver atrás e mudar o que aquí pasou hai anos naqueles días escuros. Iso si, como persoas decentes e sensibles que somos, rendimos e seguiremos profesando anualmente a nosa máis profunda homenaxe de respeito.

Os médicos Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez e Luis Poza; os mestres Paulo Novás, Germán Adrio e Benigno Rey; o Avogado José Adrio, o xornalista Víctor Casas, o Capitán Juan Rico e o Editor Ramiro Paz.

Hoxe especialmente lembrados, cando estamos atravesando un momento bastante intenso en canto aos usos do argumentario fascista na política diaria, polo que son moitas as ocasións en que o discurso político dominante se aparta do respecto á libre opinión de pobos e persoas, e recorre ao autoritarismo do Estado, herdado do franquismo.

Negámonos unha e mil veces a que volvan aqueles tempos escuros, porque xa caeron moitas persoas de boa vontade á man dos fusís que se ergueron contra a legalidade no ano 36. Foron miles, centos de miles, os que caeron baixo o plomo inculto daquela guerra.

Os perseguidos, os fusilados, os mártires, os presos, todos e todas están hoxe connosco aquí. Os que foron sacrificados en nome da nada o 12 de novembro, e tamén os que mataron á beira do Lérez, ou na Caeira, lugares nos que tamén lembramos cada día aos nosos mellores veciños daqueles tempos.

Como sempre dicimos, acabaron coas súas vidas, vestiron dun longuísimo loito ás súas familias, pero nunca poderán acabar coa seu espíritu brillante e comprometido co progreso da sociedade do seu tempo. Eles eran a nosa conciencia social, o noso sentir colectivo, o fervor galeguista  deste pobo e desta cidade que sempre os manterá na súa memoria.

Unha vez máis erguemos a nosa voz o 12 de novembro, como tamén o facemos o 17 de agosto, duas datas cada ano nas que lembramos a estes mártires que sempre loubaremos con todo cariño.

Moitas grazas.

COMPARTIR