A remodelación da Ponte do Burgo, o valor dun monumento central na orixe de Pontevedra

603

 

  • É unha actuación cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional de cara ao vindeiro ano.
  • Ten un orzamento superior aos 2,5 millóns dos que máis de 860.000 serán para un novidoso alumeado, funcional e ornamental.
  • A actuación terá tres ámbitos: a ponte e as cabeiras. Na parte norte gáñase unha nova praza para a cidade

O acondicionamento da Ponte do Burgo “é a obra máis importante do Concello neste mandato, non só polo custe -máis de 2,5 millóns de euros- se non, sobre todo, pola responsabilidade histórica que supón traballar na cerna da cidade, probablemente, no elemento monumental máis antigo do Camiño Portugués e da cidade de Pontevedra”. Neste termos presentou hoxe o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, o proxecto definitivo desta actuación que abranguerá a ponte e as súas dúas cabeceiras: o entronque coa praza Valentín García Escudeiro (cabeceira sur) e o entronque co paseo Domingo Fontán e rúa Xoán Manuel Pintos (norte).

O proxecto estará financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Técnicos municipais e de Patrimonio ultiman o prego de condicións para sacar a licitación do proxecto. O custe de obra será de 2.561.390,91 euros, dos que 1.700.598,75 euros serán para a reforma e 860.792 euros para o novidoso alumeado, funcional e ornamental, da ponte. Un alumeado de tres fases: unha superficial rasante, con puntos azuis que marcarán o Camiño de Santiago; outra rasante empotrada na varanda dirixida cara o taboleiro para que os peóns podan ver por onde pasan, e un terceira que alumeará os arcos, polo exterior e interior.

A actuación na ponte do Burgo e contorna permitirá acondicionar un novo espazo público de referencia na cidade ademais de tratar a ponte como o que é: un monumento central da historia de Pontevedra. O concelleiro Demetrio Gómez subliña que a obra seguirá as directrices do modelo Pontevedra: preferencia peonil, calidade construtiva, calidade de vida e recuperación e posta en valor do patrimonio.

A obra divídese en tres ámbitos de actuación:

  • Ponte do Burgo: O taboleiro da ponte será unha plataforma única de lousas de pedra para continuar a vía peonil de 11 metros de ancho (de lado a lado da ponte) cunha iluminación rasante seguindo o Camiño de Santiago e outra na nova varanda lateral que tamén será rasante.
  • Entronque coa praza Valentín Garcia Escudeiro (cabeceira sur). Mudarase o paso de peóns co fin de darlle continuidade ao trazado peonil que vén da ponte, seguindo a traza histórica do Camiño.
  • Entronque co paseo Domingo Fontán e rúa Xoán Manuel Pintos (cabeceira norte). Este espazo vivirá unha total transformación, eliminarase a rotonda de tráfico rodado, para continuar o carril nos dous sentidos de circulación por ese punto unindo Xoán Manuel Pintos con Domingo Fontán.Crearase unha gran praza de máis de 4.000 metros cadrados con máis de 40 árbores, mobiliario, bancos, papeleiras. Continuará a plataforma única da Ponte do Burgo pero con lousas de granito.

Exposición

O Concello de Pontevedra fará unha exposición no primeiro trimestre do vindeiro ano sobre a Ponte do Burgo co fin de que a veciñanza coñeza polo miúdo a historia e orixe da cidade, un percorrido pola vida da ponte e o proxecto de remodelación que o vai a pór en valor. A mostra exporase no edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.

  • Fondos FEDER

O proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo busca contribuír á conservación do patrimonio cultural da cidade, o que axudará a aumentar o seu valor estético e cultural ao facelo máis atractivo para os transeúntes, en especial para os peregrimos que pasan pola Ponte no seu camiño cara a Santiago de Compostela.

Coa descrición da operación poderanse acadar os seguinte resultados:

  •  Mellora da calidade do espazo público nos barrios periféricos. Contribuirase á posta en valor da Ponte do Burgo, pois se mellora o pavimento, elimínase o paso de tráfico rodado e faise máis atractivo para os póns con mellora da iluminación (que resaltará o valor monumental do mesmo) e coa colocación de arbolado.
  • Mitigación de problemas de declive urbano e ambiental nos barrios periféricos
  • Máis cohesión e vertebración social destes espazos territoriais
  • Mellorar o estado de chans, recuperándoos para usos públicos amables co medio ambiente. A supresión do tráfico rodado axudará a eliminar a emisión de gases e ruídos do tráfico rodado que afecta á zona na actualidade, facendo máis amable para os peóns o paso por este espazo.

Polo tanto, a intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).